Venres, Febreiro 22, 2019
Presentamos en Ourense unha guía de boas prácticas sobre os riscos laborais durante o embarazo e a lactación no sector agrario
Ourense, 22 de febreiro de 2019. Os plans de actividades do Issga dos últimos anos prestan unha especial atención ás distintas actividades económicas do sector primario galego. Deste xeito o Issga leva elaborando diverso material formativo e informativo dirixido aos traballadores e traballadoras do sector primario, con distintos formatos: guías de boas prácticas, trípticos, carteis, fichas divulgativas e documentos audiovisuais, entre outros.
O sector agrario na nosa comunidade autónoma ten unha serie de características e peculiaridades propias que convén ter en conta á hora de deseñar unha correcta política preventiva neste ámbito laboral. Desempeña un papel estratéxico en Galicia polo seu peso económico e social, que nas últimas décadas sufriu unha profunda transformación, debido á profesionalización e á especialización do sector, ademais da diminución do número de explotacións e do aumento das súas dimensións.
Garantir postos de traballo seguros e saudables, exentos de risco para a reprodución tanto para o home coma para a muller, é garantir unha mellor calidade de vida e de traballo para a poboación traballadora actual e futura.
Guía de boas prácticas_Prevención de riscos laborais durante o embarazo e a lactación no sector agrario
Esta publicación que se presenta hoxe nace co obxectivo de mellorar a seguridade e a saúde laboral deste colectivo.
Malia que a prevención das alteracións da reprodución non sería completa se non se tivera tamén en conta a saúde reprodutiva do home e da muller na idade fértil, a finalidade desta guía é proporcionar unha ferramenta para mellorar as condicións de traballo exclusivamente da muller grávida, que deu a luz recentemente ou en período de lactación, para que realicen as súas tarefas de xeito seguro e saudable.
Os cambios fisiolóxicos e anatómicos que ocorren durante o embarazo, o posparto e a lactación e as posibles complicacións, poden interferir na capacidade para traballar da muller. Por outra banda, as condicións de traballo nas que desempeña a súa actividade poden repercutir na súa saúde, no curso do embarazo, no futuro neno ou nena e na lactación.
Nesta guía, ademais de analizar as perspectivas do sector, se describen as características da muller en situación de embarazo, posparto e lactación indicando una serie de boas prácticas para evitar os riscos derivados delas; tamén se expoñen os efectos sobre a saúde no embarazo e a lactación e se destacan 12 consellos útiles directamente vencellados á realización das súas tarefas habituais así como aspectos xerais que deben ter en conta.