Mércores, Maio 20, 2026
Precisións sobre o valor límite (VLA-ED) do amianto
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026
O pasado 24 de marzo o INSST publicou o documento sobre Límites de Exposición Profesional para Axentes Químicos en España para o ano 2026 (LEP 2026) que foron aprobados, con data 30 de xaneiro de 2026, pola Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST). Neste documento recóllese xa o novo VLA-ED de 0,01 f/cm3 para o amianto, dez veces por debaixo do que se viña aplicando, tal como sinala a Directiva (UE) 2023/2668, publicada o 22 de novembro de 2023, que actualiza a normativa sobre o amianto.
Con todo, no tocante á aplicación deste novo valor límite no momento actual, hai que ter en conta que tal como recolle a normativa de axentes químicos (Real decreto 374/2001) no seu artigo 3.4, no caso de que exista normativa específica que estableza un valor límite, como sucede co amianto, o VLA-ED recollido nesta prevalece sobre o valor establecido no documento LEP. Polo tanto mentres non se modifique a normativa específica (Real decreto 396/2006) o novo VLA-ED de 0,01 f/cm3 non entra en vigor.
Doutra parte hai que ter en conta que está próxima a producirse a transposición da Directiva (UE) 2023/2668 e en consecuencia entrará en vigor o novo real decreto de amianto que incorporará as disposicións desta directiva, incluído o VLA-ED de 0,01 f/cm3, que será entón de aplicación.
Cómpre sinalar tamén que a comparación das medicións que se realicen co novo valor límite formula diferentes problemas técnicos debidos a que o método actual para medir as fibras de amianto en aire (MTA/MA-051), que utiliza a microscopía óptica, presenta limitacións cando nos movemos en concentracións moi baixas, e obriga ás empresas a revisar previamente diferentes aspectos técnicos como a adecuación das metodoloxías de mostraxe actualmente utilizadas ou a necesidade de dispoñer de equipos que permitan maiores caudais de captación.
Recomendamos polo tanto ás empresas que traballan con amianto que vaian adaptando xa as súas condicións de traballo ao novo VLA de 0,01 f/cm3 e que os seus servizos de prevención teñan en conta os aspectos técnicos sinalados, incluíndo a adquisición de novos equipos para a toma de mostra.