Martes, Febreiro 08, 2011
Portal temático sobre os trastornos musculoesqueléticos
Nos últimos dez anos o peso porcentual dos sobreesforzos, en relación co total de accidentes de traballo con baixa en xornada de traballo, foi incrementándose ininterrompidamente, alcanzando cifras en 2009 de 37 accidentes por esta causa, por cada 100 accidentes. Considérase igualmente, como indicador indirecto de impacto económico e social, que, en 2008, os accidentes por sobreesforzos acumularon preto de seis millóns de xornadas perdidas por esta causa. Por iso, dende o INSHT iniciouse no ano 2010 un plan de prevención dos trastornos musculoesqueléticos (TME) e das lesións por sobreesforzos, que agora debe adquirir un maior peso.
Unha das ferramentas que se deseñou é un portal temático sobre os TME que en breve se publicará na web do INSHT e que pretende configurarse como un instrumento útil para a información, a formación e avaliación e prevención dos TME nas empresas, principalmente as Pemes.
A presentación do portal farase no marco da xornada técnica "Os trastornos musculoesqueléticos (TME): estratexias para unha prevención eficaz", que terá lugar o próximo día 24 de febreiro, a partir das 09.15 horas, no Salón de Actos do INSHT - Madrid.
Con esta xornada preténdese contribuír a poñer en común experiencias de boas prácticas e debater sobre criterios e métodos de avaliación que permitan unha mellor e máis eficaz prevención dos trastornos musculoesqueléticos.
A inscrición á xornada é gratuíta e pódese realizar dende a páxina web do INSHT, (www.insht.es).
Actuacións do ISSGA
No marco do novo Plan Estratéxico de prevención de riscos para Galicia 2011-2014 tense moi presente no diagnóstico da situación actual esta problemática e da que se derivan obxectivos concretos a desenvolver para este período. Por ese motivo, o ISSGA dentro das actuacións programadas para o ano 2011 incluíu a extensión das súas actuacións a actividades económicas onde se está a detectar unha elevada incidencia de accidentes por sobreesforzo, destinando para iso máis recursos técnicos e preventivos para un mellor coñecemento das causas determinantes e valorar a eficacia das medidas preventivas adoptadas, así como asesorar ás empresa, traballadores e os seus representantes.
Na seguinte ligazón pódense consultar as actuacións levadas adiante polo ISSGA en relación coa prevención de TME e sobreesforzos.