venres, Setembro 9, 2022

Plan de Sensibilización para reducir os accidentes laborais viarios con furgonetas

Plan de Sensibilización para reducir os accidentes laborais viarios con furgonetas

O Plan de Sensibilización para reducir os accidentes laborais viarios con furgonetas xorde no seo do Grupo de Traballo “Seguridade Viaria Laboral” da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST), do que forma parte o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).

O seu obxectivo é diminuír os accidentes laborais de tráfico nos que se ve implicada unha furgoneta e sensibilizar ás persoas que traballan cunha furgoneta e ás persoas que as contratan, sobre os riscos relacionados coa condución deste tipo de vehículos e sobre a importancia de levar a cabo cinco metas ou medidas, dentro do seu ámbito de actuación, que teñen unha repercusión directa sobre o risco.

A quen vai dirixido?

Céntrase en 2 grupos diferenciados que agrupan, á súa vez, distintos colectivos con perfís propios:

    • Traballadores que conducen furgonetas (asalariados ou autónomos)
        ◦ Son traballadores que conducen durante todo o día (e-commerce, reparto a domicilio) e traballadores que conducen a furgoneta como unha actividade máis dentro das súas tarefas. 
        ◦ Tamén as asociacións que poden representar os seus intereses como colectivo.
    • Empresarios
        ◦ Titulares de empresas cuxos traballadores utilizan habitualmente a furgoneta como ferramenta de traballo.
        ◦ Empresas de alugueiro de furgonetas.
        ◦ Asociacións sectoriais que aglutinan os distintos tipos de negocio.

Descrición do Plan de Sensibilización

O Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST), dentro das súas actividades do Plan de acción do Grupo de traballo de Seguridade Viaria Laboral da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST), impulsa o deseño e a creación dun Plan de Sensibilización en redes sociais, co lema Para reducir os accidentes laborais con furgonetas, ponte 5 metas. 

O Plan comprende 3 accións principais:

    1. O deseño dunha estratexia de comunicación enfocada á utilización das contas institucionais nas redes sociais (Twitter, Linkedin e Youtube). 
    2. O desenvolvemento de mensaxes dirixidas aos públicos obxectivo relevantes e as pezas de comunicación que contribúan a darlles maior visibilidade e compromiso (vídeos de sensibilización, vídeos informativos, vídeos didácticos, gráficas…)
    3. A suma de empresas e entidades afíns, relacionadas cos públicos obxectivo, para ampliar a visibilidade do Plan e o impacto das accións.

Ligazóns de interese

Máis información da campaña