Mércores, Decembro 10, 2025
Pechamos o Plan de Formación do ISSGA para o ano 2025 co webinar “Habilidades comunicacionais e xestión de conflitos”
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025
O ISSGA, en colaboración con FREMAP, celebrou hoxe o webinar “Habilidades comunicacionais e xestión de conflitos”, en formato de videoconferencia, que pecha o calendario de webinares e marca o remate do Plan de Formación do ISSGA para o ano 2025.
Durante a sesión abordáronse as claves da comunicación verbal e non verbal no ámbito laboral, identificáronse as barreiras máis frecuentes para un entendemento eficaz, e ofreceron estratexias prácticas para manexar emocións e conflitos con serenidade e claridade. A relatora, Raquel Salvador Díaz Herrera, graduada en Psicoloxía e Técnica Superior en Prevención de Riscos Laborais en FREMAP, conta cunha ampla traxectoria en riscos psicosociais e formación en habilidades comunicativas, destacando pola súa capacidade para trasladar conceptos técnicos a ferramentas prácticas aplicables de inmediato no día a día laboral.
O webinar dirixiuse a persoas traballadoras de calquera sector, mandos intermedios, responsables de equipos, servizos de prevención, persoal de recursos humanos, delegados de prevención, autónomos e pequenas empresas, co obxectivo de fomentar contornos laborais máis saudables e cooperativos.
Con esta acción, o ISSGA reafirma o seu compromiso coa prevención dos riscos psicosociais, co reforzo das competencias comunicativas e coa creación de ambientes de traballo máis respectuosos e humanos.