Luns, Marzo 22, 2010
A partir do ano 2010, o Resumo de Enfermidades Profesionais terá unha periodicidade trimestral.
No mes de decembro deste ano, producíronse en Galicia 113 comunicacións de enfermidades profesionais a través do sistema CEPROSS da Seguridade Social. Do total de patoloxías que foron notificadas, 48 foron con baixa, afectando a 25 homes e a 23 mulleres, mentres que as restantes 65 (56 homes e 9 mulleres) non requiriron baixa laboral.
Facendo unha clasificación por sectores de actividade, os que rexistraron o maior número de enfermos con baixa o pasado mes de decembro foron a industria e os servizos, con 25 e 16, respectivamente. Estas doenzas corresponden, na meirande parte, ao grupo II de enfermidades profesionais, as ocasionadas por axentes físicos (enmárcanse neste apartado as doenzas provocadas por posturas forzadas e movementos repetitivos no traballo e outras como a hipoacusia ou xordeira producida polo ruído, así como a aparición de nódulos nas cordas vocais), sendo o seguinte o grupo IV de enfermidades por inhalación de substancias e axentes coma os pos de sílice, carbón e amianto.
A Coruña foi a provincia na que se notificaron en decembro máis partes de enfermidades profesionais, un total de 60 (19 con baixa e 41 sen ela), das que 45 corresponden á industria, nove (9) ao sector servizos e seis (6) á construción. En segundo lugar situouse Pontevedra, onde se rexistraron 36 (20 con baixa e 16 sen ela), das que 19 foron á industria, 12 ao sector servizos, catro (4) á construción e unha (1) á pesca.
Polo demais, en Lugo producíronse 8 declaracións de patoloxías laborais (tres (3) con baixa e cinco (5) sen ela) , seis (6) na industria, e unha (1) na construción, mentres que na provincia de Ourense notificáronse nove (9) partes de enfermidade - seis (6) con baixa e tres (3) sen ela-, as 9 no sector da industria.
Datos acumulados
No ano 2009, contabilizáronse 1272 partes de patoloxías laborais. Facendo a distribución por sexo e situación, houbo 470 homes e 391 mulleres con baixa e 285 homes e 127 mulleres sen baixa.
No acumulado do ano, os sectores da industria e os servizos foron os que rexistraron o maior número de casos de enfermidades profesionais, con baixa e sen ela. Do total de partes de patoloxías con baixa, o Grupo II (axentes físicos) supuxo máis do 77% dos casos con 667 casos.
Analizando as cifras dos partes de enfermidade con baixa segundo o sexo, nótase a gran diferenza nos partes sin baixa entre homes e mulleres, sendo de un 224,4% maior os partes de homes. Facendo a consideración por sectores, é nos servizos o de maior sinistralidade para as mulleres e o da industria nos homes, en termos absolutos. Para valorar estes datos no contexto, hai que ter en conta o número de traballadores e traballadoras nos correspondentes sectores de actividade, obtendo así a incidencia das enfermidades nos mesmos. Os datos da afiliación por sectores pódense obter nas nosas estatísticas de sinistralidade. A meirande incidencia das enfermidades profesionais aconteceu na Industria, tanto nos homes coma nas mulleres, sendo o seguinte sector a construcción nos homes os servizos nas mulleres.