Mércores, Febreiro 02, 2022
Participamos outro ano máis nas Xornadas de orientación ao emprego que organiza o IES de Teis abordando a prevención dos riscos laborais na manipulación dos produtos cosméticos
Teis (Pontevedra), 2 de febreiro de 2022.- O ISSGA participa hoxe nunha das actividades dirixidas á familia profesional de Imaxe Persoal organizada polo IES de Teis e encadradas nas XXII Xornadas de orientación ao emprego que durante dous días están tendo lugar no dito centro educativo.
Lucía Ferrón Vidán, xefa da Sección de Hixiene Industrial e Técnicas Analíticas e Mª Encarnación Sousa Rodríguez, subdirectora Xeral Técnica e de Planificación, desenvolverán un taller teórico/práctico dirixido especialmente ao alumnado do ciclo formativo de Peiteado e Cosmética Capilar que se imparte neste centro educativo.
A gran variedade de tarefas e procesos que poden realizarse nos salóns de peiteado fai que poida existir risco de exposición a diversas substancias químicas que forman parte dos produtos cosméticos utilizados nas diferentes tarefas de lavado, acondicionamento e peiteado, cambios de coloración, rizados e alisamentos, etc, Os produtos cosméticos poden conter ingredientes que xeren danos para a saúde, especialmente dermatite e tamén ás veces problemas respiratorios e por iso é indispensable identificar os axentes químicos presentes e coñecer as súas características de perigo.
Para previr os riscos derivados do uso de determinados produtos cosméticos, ademais de boas prácticas de traballo débese prestar atención ás condicións dos locais, especialmente a súa boa ventilación, e o uso adecuado dos equipos de protección, en particular as luvas, en determinadas tarefas.
No taller trataranse estas cuestións e daranse ferramentas prácticas para saber como identificar aqueles ingredientes e produtos que poden causar danos para a saúde ao persoal que os manipula habitualmente, co obxecto de que poñan especial atención no seu correcto manexo.
Os obxectivos principais desta acción formativa son os de informar dos posibles danos que a exposición a determinados axentes químicos perigosos presentes nos produtos cosméticos poden ocasionar na súa saúde e ofrecer alternativas de medidas preventivas que podemos adoptar nos locais, na selección de produtos a empregar, así como noutras medidas organizativas e hixiénicas.
Plan de actividades
O Plan de actividades do Issga do ano 2021 recolle seu eixe 6 sobre formación e información técnica unha ficha sobre sensibilización e aprendizaxe na formación profesional na que se destaca a importancia de desenvolver actuacións que introduzan ao profesorado e alumnado de formación profesional na aprendizaxe do traballo seguro, consubstancial á aprendizaxe dos contidos teóricos e prácticos da respectiva rama profesional. Se un alumno aprende a traballar seguro incorporará este coñecemento no seu futuro profesional, evitando a adquisición de malos hábitos profesionais. Unha das actuacións concretas que recolle esta ficha é a de levar a cabo accións de concienciación sobre o risco químico en salóns de peiteado e outros tratamentos de beleza, tal como se está a levar adiante hoxe no IES de Teis.
No eixe 5 sobre sectores e actividades económicas feminizados ou con alta presenza de mulleres recóllese un programa de prevención do risco químico e e dos trastornos músculo-esqueléticos (TME) en salóns de peiteado, coas seguintes actuacións:
- Difundir no sector o material da campaña sobre risco químico en salóns de peiteado.
- Fomentar as prácticas de traballo seguras, especialmente no relativo á identificación e prevención do risco químico e de TME.
A actividade desenvolvida hoxe permítenos ademais achegar a información da nosa campaña “Corta o risco químico, peitea con seguridade” ao alumnado do IES de Teis, en especial ao do ciclo formativo de Peiteado e Cosmética Capilar a quen vai dirixido especialmente este taller de sensibilización e formación.
Estas actuacións de apoio e asesoramento técnico en prevención de riscos laborais, ofrecen unha formación de calidade nesta materia e van en prol da consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega.
É fundamental promover que o alumnado de formación profesional reciba a formación en prevención de riscos laborais antes de iniciar as súas prácticas nas empresas, incluíndo contidos transversais e específicos nos distintos graos deste nivel educativo.
Así, débese colaborar coa consellería competente en materia de educación na realización de actuacións cos centros educativos para proporcionar apoio técnico ao profesorado e promover que os mozos e as mozas da Comunidade Autónoma de Galicia adquiran condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que, como futuros empresarios e traballadores, terán que enfrontarse.