Mércores, Abril 08, 2026
Participamos nunha xornada técnica sobre o radon no ámbito laboral en Santander
Santander, 8 de abril de 2026.
Hoxe tivo lugar na sede do Instituto Cántabro de Seguridade e Saúde no Traballo unha xornada técnica sobre o radon no ámbito laboral na que participou o xefe do Centro Issga_Pontevedra, Alfonso Pérez Santiago, cunha exposición sobre o documento técnico elaborado polo Issga “Pautas Issga. O radon no ámbito laboral. Deberes preventivos”.
Neste documento recóllense as obrigas dos titulares das actividades laborais en relación co Regulamento sobre protección da saúde contra os riscos derivados da exposición ás radiacións ionizantes (Real decreto 1029/2022) así como en senllos apéndices o Plan Nacional contra o Radon e a Estratexia para reducir a exposición ao radon en Galicia 2025-2030” .
O Regulamento sobre protección da saúde contra os riscos derivados da exposición ás radiacións ionizantes (Real decreto 1029/2022) implica importantes novidades que afectan ao radon no ámbito laboral. Esta normativa, xunto co Plan Nacional contra o Radon, reforza o marco de protección contra este contaminante e tamén establece novas obrigas legais que fan necesario orientar aos titulares das actividades.
O gas radon é especialmente abundante en Galicia debido á súa xeoloxía e as características do terreo, cun alto contido en granito, sendo a comunidade autónoma de España con maior número de municipios con poboación en áreas de actuación prioritaria, definidas a partir do Mapa de radon desenvolto polo Consello de Seguridade Nuclear (CNS). Por iso, un número elevado de empresas e actividades laborais van ter que cumprir con esta normativa.