Mércores, Xaneiro 22, 2025
Participamos nunha xornada técnica en Oviedo sobre a presenza de ingredientes perigosos nos cosméticos
Oviedo, 22 de xaneiro de 2025. Os produtos cosméticos utilízanse de maneira continuada e diaria por moitos usuarios profesionais en diferentes sectores de actividade e polos consumidores en xeral.
Durante esta xornada técnica presentouse unha ferramenta dispoñible para computadores, dispositivos móbiles e tablets denominada RQ MAPP que axuda a identificar e determinar se os ingredientes presentes nos cosméticos están clasificados como perigosos, que servirá de axuda para avaliar a exposición aos devanditos axentes, e á adopción de medidas preventivas, como a substitución de produtos de menor perigo.
O ISSGA colabora nesta actividade formativa organizada polo Instituto Asturiano de Prevención de Riscos Laborais (IAPRL) coa participación de Esther Varela Cerdeira, xefa da sección de Hixiene Industrial e Técnicas Analíticas do centro ISSGA_A Coruña que fixo unha exposición sobre a experiencia no uso da aplicación RQ MAPP.
Esta xornada técnica completouse con varios relatorios destinados a coñecer o marco normativo dos produtos cosméticos, os requisitos das luvas de protección para persoal de barbería, casos de enfermidades profesionais nestes sectores de actividade, así como o modo de comunicar os posibles efectos non desexados a través da cosmovixilancia.
O ISSGA levou a cabo, no 2023 e 2024, unha campaña de información e sensibilización, dirixida aos centros de manicura e pedicura profesional e tratamento de pestanas.
Dado que os produtos cosméticos están sometidos a regulamentación específica e non dispoñen de etiqueta e ficha de datos de seguridade coa información para o usuario profesional que acompaña aos produtos químicos perigosos, a identificación dos ingredientes perigosos dun cosmético, e por tanto a identificación e avaliación do risco, pode resultar máis complexa.
O obxectivo da campaña é alertar sobre a posible presenza de ingredientes perigosos nos cosméticos utilizados nestas actividades, informar sobre os danos para a saúde que poden ocasionar, e asesorar sobre as principais medidas de protección e prevención que deben adoptarse para evitar estes danos. Para o primeiro dos obxectivos o Issga utilizou a ferramenta RQ MAPP que hoxe se presenta nesta xornada.