Novas

Venres, Xuño 01, 2018

Participamos nunha xornada sobre asbestose en Porriño

Participamos nunha xornada sobre asbestose en Porriño

Porriño, 1 de xuño de 2018.- Esta actividade formativa está organizada por UGT Galicia e ten lugar no centro cultural de Porriño.

O ISSGA colabora nesta xornada sobre os aspectos legais da asbestose como continxencia profesional coa participación de José Ángel Piñeiro, técnico superior de prevención de riscos laborais do Centro ISSGA de Pontevedra, que impartirá un relatorio sobre as materias con amianto e os procedementos de traballo.

Aínda que en España está prohibida a utilización e comercialización do amianto dende o 14 de decembro de 2002, e no ámbito da Unión Europea prohibiuse a utilización de todo tipo de amianto dende o 1 de xaneiro de 2005, o amianto, que foi amplamente utilizado no pasado, continúa formando parte de numerosos materiais presentes en edificios, instalacións industriais, maquinaria, vehículos de transporte...

A presenza do amianto por si só en diferentes materiais non supón un risco para a saúde, pero cando estes materiais liberan as fibras do amianto ao ambiente, como sucede en diferentes traballos que implican a súa manipulación, poden provocar fundamentalmente asbestose, cancro de pulmón e mesotelioma, enfermidades para as que non se coñece cura e que adoitan ser mortais.

O Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto, constitúe a norma legal mínima en relación ao amianto no noso país. Neste RD ademais de recollérense as medidas de protección e prevención que hai que aplicar nestes traballos con risco de exposición, obrígase ás empresas que os executan a realizaren diferentes trámites administrativos que se indican a continuación.

O ISSGA, como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva, concentrando accións formativas tanto propias como en colaboración con outras entidades e órganos técnicos especializados, de xeito que se convertan en focos de transmisión de saber preventivo.