Novas

Xoves, Febreiro 19, 2026

Participamos nunha xornada informativa sobre o radon no ámbito laboral

Imaxe xornada informativa

Porriño, 19 de febreiro de 2026. O obxectivo desta xornada “Cuestións técnico-prácticas clave en materia de PRL derivadas da presenza de radon. Aplicación da Instrución IS-47 do Consello de Seguridade Nuclear”, organizada polo Clúster do granito e que tivo lugar no Centro Tecnolóxico do Granito, foi  informar de cuestións técnico-preventivas clave en materia de prevención de riscos laborais derivadas da presenza de radon nos lugares de traballo.

Por parte do Issga participou Alfonso Pérez Santiago, xefe do Centro Issga_Pontevedra, que fixo unha presentación sobre o marco institucional e as competencias da administración.

O Regulamento sobre protección da saúde contra os riscos derivados da exposición ás radiacións ionizantes (Real decreto 1029/2022) implica importantes novidades que afectan ao radon no ámbito laboral. Esta normativa, xunto co Plan Nacional contra o Radon, reforza o marco de protección contra este contaminante e tamén establece novas obrigas legais que fan necesario orientar aos titulares das actividades.

O gas radon é especialmente abundante en Galicia debido á súa xeoloxía e as características do terreo, cun alto contido en granito, sendo a comunidade autónoma de España con maior  número de municipios con poboación en áreas de actuación prioritaria, definidas a partir do Mapa de radon desenvolto polo Consello de Seguridade Nuclear (CNS). Por iso, un número elevado de empresas e actividades laborais van ter que cumprir con esta normativa. 

Por este motivo, elaborouse a guía “Pautas Issga. O radon no ámbito laboral. Obrigas preventivas” no que recóllense as obrigas dos titulares das actividades laborais en relación co Regulamento sobre protección da saúde contra os riscos derivados da exposición ás radiacións ionizantes (Real decreto 1029/2022) así como en senllos apéndices o Plan Nacional contra o Radon e a Estratexia para reducir a exposición ao radon en Galicia 2025-2030” .