Novas

Xoves, Outubro 09, 2025

Participamos nunha reunión do Grupo de Traballo de sílice cristalina respirable do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral

imaxe reunión SCR

Santiago, 9 de Outubro de 2025. 

No dia de hoxe tivo lugar a reunión do Grupo de Traballo de sílice cristalina respirable (SCR) do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral na que se trataron distintos temas relacionados coa seguridade e saúde no traballo.

Este grupo ten un carácter permanente e técnico e está formado por persoal técnico do ISSGA, do Servizo de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria e do de Saúde Laboral da Consellería de Sanidade, así como por persoal técnico dos tres sindicatos máis representativos e da CEG.

Tras a aprobación da acta da reunión anterior, informouse os membros do grupo sobre as actuacións levadas a cabo no ISSGA sobre a exposición a sílice cristalina respirable, entre as que destacan: investigación de enfermidades provocadas pola inhalación de SCR (silicose e cancro de pulmón), actuacións comprobatorias por parte do persoal técnico habilitado, asesoramento técnico no marco da campaña de sensibilización en talleres e obras; así como a participación do ISSGA en distintos grupos de traballo.

Tamén se expuxeron as novidades, con respecto á SCR, que se están desenvolvendo na Axenda Nacional para a prevención do Cancro Profesional e facilitáronse referencias doutros organismos nos que se pode obter información sobre a sílice cristalina respirable, os seus efectos e as medidas de prevención e protección.