Novas

Xoves, Xullo 08, 2021

Participamos nunha reunión do grupo de traballo de Educación e Formación en Prevención de Riscos Laborais da CNSST

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2021.- Na reunión que tivo lugar hoxe a través de videoconferencia estivo presente Alberto Conde Bóveda, xefe da sección de Formación, Divulgación e Documentación do ISSGA, onde se continuou a traballar no actual mandado referido á elaboración dunha proposta consensuada que adecúe os contidos formativos de nivel básico, intermedio e superior establecidos no Regulamento dos Servizos de Prevención aos cambios producidos na normativa.

O grupo de traballo foi aprobado no Pleno da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST), celebrado con data 18 de setembro de 2007, e está integrado por representantes da Administración Xeral do Estado, das Administracións das Comunidades Autónomas e por representantes das organizacións empresariais e sindicais máis representativas. O seu mandato establecía que os traballos deste grupo orientaríanse a formular propostas encamiñadas a potenciar a formación en materia de prevención de riscos laborais.