Xoves, Marzo 11, 2021
Participamos nun webinar sobre primeiros auxilios para o alumnado do CFEA de Sergude
11 de marzo de 2021.- Esta acción formativa realizada na modalidade virtual tivo como destinatarios a uns 150 alumnos e alumnas dos seguintes ciclos de formación profesional do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude en Boqueixón:
- Medio. Aproveitamento e conservación do medio natural
- Superior. Gandería e asistencia en sanidade animal
- Superior. Produción agropecuaria
A actividade foi impartida por María García Díaz, técnica de saúde laboral no Centro Issga de Lugo, e a súa exposición centrouse nos primeiros auxilios e en particular nos accidentes en relación co sector agrogandeiro e forestal. Entres os contidos que se presentaron destacamos os seguintes:
- Intoxicación por fertilizantes
- Riscos derivados da manipulación de fertilizantes
- Regras de ouro no tratamento antitóxico
- Fracturas e politraumatismos
- Picaduras e mordeduras
- Caixa de primeiros auxilios e teléfono de emerxencias
- Feridas e hemorraxias
- Manobra de Heimlich
- Reanimación cardiopulmonar
O ISSGA desenvolve actividades que teñen por finalidade mellorar a información, sensibilización e formación no eido da prevención de riscos laborais na poboación escolar nos diferentes niveis educativos da educación primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, e o apoio técnico ao profesorado.
Deste xeito promovemos a adquisición dunha cultura preventiva no eido laboral dos mozos e das mozas da Comunidade Autónoma de Galicia, inculcándolles condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que como futuros empresarios e traballadores terán que enfrontarse.