Novas

Martes, Setembro 30, 2025

Participamos nun taller formativo sobre integración da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais

Campus igualdade

Lugo, 30 de setembro de 2025.

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) participou activamente no taller formativo “Igualdade e Saúde laboral: Prevención de riscos laborais en clave de xénero”, celebrado na Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo no marco das actividades do Campus de Igualdade Laboral impulsado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.

A sesión contou coa intervención de Myriam Garabito Cociña, xefa do centro do ISSGA en Lugo, quen destacou a importancia de integrar a perspectiva de xénero na xestión da prevención de riscos laborais. Subliñou que homes e mulleres poden verse afectados de xeito diferente polas condicións de traballo, polo que é necesario incorporar esta visión para avanzar cara a contornas laborais máis seguras, igualitarias e saudables.

Esta liña de actuación está en coherencia coa Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2022-2027 e co Plan de Actuación 2025 do ISSGA, que inclúen entre os seus obxectivos prioritarios o fortalecemento da perspectiva de xénero na análise dos riscos laborais e a promoción da igualdade real nos lugares de traballo.

A través deste tipo de accións, o ISSGA contribúe a reforzar a cultura preventiva en Galicia, achegando coñecemento técnico e sensibilización para mellorar as condicións de traballo e a saúde laboral da poboación.