Xoves, Novembro 23, 2017
Participamos no congreso “A prevención e a seguridade industrial 4.0” en Vigo
Vigo, 23 de novembro de 2017. Este evento, organizado pola Asociación de Profesionais de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (APROSAL) e polo Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais (CGETI), ten lugar en Vigo, na sede do Círculo de Empresarios de Galicia, os días 23 e 24 de novembro.
O ISSGA colabora neste evento coa participación do Subdirector xeral Técnico e de Planificación, Fernando González Abeijón, que estivo presente na inauguración do congreso xunto con representantes de APROSAL, do CGETI e do Concello de Vigo e tamén na presentación e moderación do módulo de prevención de riscos laborais que terá lugar o día 23 en xornada de tarde. Nas actividades programadas para ese módulo, tamén intervén Pablo García Fernández, técnico de seguridade e saúd laboral do Centro ISSGA de Pontevedra, cun relatorio sobre a investigación de accidentes de traballo.
Como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, o ISSGA debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva a través da participación institucional en congresos, feiras, xornadas e outras actividades relacionadas coa prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde laboral, tanto de ámbito autonómico como nacional ou internacional, difundindo as actividades e traballos realizados polo Instituto.