Novas

Mércores, Novembro 05, 2025

Participamos no Congreso Internacional de Ergonomía e Psicosocioloxía PREVERAS 2025

imaxe PREVERAS

Xixón, 5 de novembro de 2025.

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) participou no XV Congreso Internacional e XIX Nacional de Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada (PREVERAS 2025), celebrado do 5 ao 7 de novembro en Xixón (Asturias), baixo o lema “Ergonomía e Psicosocioloxía en acción como cadea de valor para a organización”.

O ISSGA estivo representado por César André Rivas, responsable da área de Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada, quen interveu na mesa redonda titulada “O psicosocial. Máis alá da avaliación”. Na súa intervención, André puxo o foco na necesidade de superar os modelos centrados unicamente na avaliación de riscos psicosociais, apostando por unha prevención activa e integradora que promova o benestar emocional, organizativo e social das persoas traballadoras. Destacou tamén a importancia de incorporar a ergonomía e a psicosocioloxía como elementos estratéxicos na xestión empresarial, capaces de xerar valor, compromiso e innovación nas organizacións.

O Congreso PREVERAS 2025 converteuse nun espazo de encontro e reflexión de referencia no ámbito da ergonomía e da psicosocioloxía aplicada. A través de relatorios, mesas de debate e presentacións de boas prácticas, o evento impulsou o diálogo entre profesionais da prevención, responsables de recursos humanos, institucións públicas, empresas e comunidade científica.

Esta edición fixo especial fincapé na saúde psicolóxica e no deseño de contornas de traballo saudables, reforzando a idea de que a ergonomía e a xestión psicosocial son ferramentas clave para o desenvolvemento sostible das organizacións.

A participación do ISSGA neste foro supón un recoñecemento ao labor técnico e divulgativo do instituto e pon de manifesto o seu compromiso coa promoción dunha cultura preventiva moderna, participativa e centrada nas persoas. Ademais, reforza o papel do ISSGA como entidade de referencia en ergonomía e psicosocioloxía aplicada, tanto no ámbito galego como no conxunto do Estado, contribuíndo á difusión de coñecemento e á mellora continua das condicións de traballo en Galicia.