Novas

Venres, Novembro 30, 2018

Participamos nas XXV xornadas da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais

A Coruña, 30 de novembro de 2018. O Issga colabora coa Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais (SGPRL) na organización da XXV edición destas xornadas que este ano teñen como lema “Innovación, vangarda e tecnoloxía en PRL:  o camiño cara ao éxito”, e que teñen lugar hoxe no Paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña.

Estas xornadas están dirixidas a técnicos/as de prevención de riscos laborais, persoal da Administración, delegados/as de prevención, médicos/as, enfermeiros/as, responsables de RRHH, directivos/as de empresas, sindicatos e demais persoas relacionadas co mundo da seguridade e saúde no traballo.

A directora do Issga, Adela Quinzá-Torroja García, participou no acto de apertura así como moderadora na conferencia inaugural na que o subdirector xeral Técnico e de Planificación do Issga, Fernando González Abeijón, expuxo unha presentación sobre novidades en tecnoloxías, procesos e formas de traballos aplicados á PRL.

Unha das accións máis importantes e relevantes tanto para a xeración e difusión do coñecemento como para o fomento de comportamentos  laborais seguros e saudables é a realización de actos e eventos divulgativos que transmitan información e formación relevante sobre distintos aspectos dentro da prevención de riscos, a seguridade e a saúde laborais.

O ISSGA, como órgano técnico en materia de seguridade  e saúde laboral da Administración galega, debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva, concentrando nos seus centros acciones formativas, non só propias, senón tamén en colaboración con outras  entidades e órganos técnicos especializados, de maneira que  se convertan  en focos de transmisión de saber preventivo.

A divulgación destes  coñecementos é unha parte fundamental da prevención de riscos  laborais e así aparece recollido no Plan de actividades do ISSGA para este ano 2018.