Novas

Xoves, Marzo 27, 2025

Participamos na 8ª sesión sobre Saúde integral e benestar laboral do Foro técnico de PRL no Polígono industrial de Arteixo-Sabón

imaxe coloquio Sabón

Arteixo, 27 de marzo de 2025

Onte participamos nun foro presencial e coloquio na Asociación de empresarios do Polígono industrial de Arteixo-Sabón para afondar no tema do benestar laboral na empresa e nos programas de promoción da saúde no traballo.

Nieves Lorenzo Espeso, xefa da área Técnica de Medicina do Traballo, Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada do centro territorial do Issga na Coruña participou nesta xornada como relatora sobre benestar laboral e explicou como poden as pequenas e medianas  adherirse a Rede española de empresas saudables (REES) e como iniciar o recoñecemento de  boas prácticas en promoción da saúde no traballo (PST) atendendo ao modelo de promoción da saúde definido pola Rede Europea de Promoción da Saúde no Traballo e plasmado na Declaración de Luxemburgo que define a PST como xuntar os esforzos do empresariado, as persoas traballadoras e a sociedade en xeral, para mellorar a saúde e o benestar laboral.

Na exposición tamén se referiu aos contidos da guía Claves Issga - Saúde integral e benestar laboral, que salienta os beneficios de implementar os programas de PST e as consecuencias de non facelo. Nela inclúense aspectos relacionados co benestar profesional, físico, mental e emocional, familiar e social e financeiro. A guía contén exemplos de accións que resultaron ser eficaces nas empresas no ámbito da seguridade e saúde no traballo, consellos para a xestión do estrés e  pautas para promover alimentación saudable nunha peme así como accións para fomentar práctica de exercicio físico regular.

O ISSGA forma parte do Comité Técnico de Verificación da REES desde hai 12 anos  avaliando os programas e accións das empresa cara ao Recoñecemento de “Boas Prácticas en Promoción da Saúde” e o Recoñecemento de “Empresa Saudable e Sustentable en Promoción da Saúde no Traballo”.

Como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, o ISSGA debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva a través da participación institucional en xornadas e outras actividades relacionadas coa prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde laboral, tanto de ámbito autonómico como nacional ou internacional.