Venres, Abril 25, 2025
Participamos na 5ª sesión sobre Saúde integral e benestar laboral do Foro técnico de PRL no Polígono industrial de Bergondo 8 (A Coruña)
A Coruña, 25 de abril de 2025
Hoxe participamos nun foro presencial e coloquio na Asociación de empresarios do Polígono industrial de Bergondo (A Coruña) para afondar no tema do benestar laboral na empresa, nos beneficios dos programas de promoción da saúde no traballo.
Nieves Lorenzo Espeso, xefa da área Técnica de Medicina do Traballo, Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada do centro territorial do Issga na Coruña participou nesta xornada como relatora sobre benestar laboral e os contidos da guía Claves Issga - Saúde integral e benestar laboral e como poden pequenas e medianas empresas iniciar programas de promoción da saúde e benestar laboral.
Explicoulles como poden adherirse a Rede española de empresas saudables (REES) e iniciar o recoñecemento de boas prácticas en promoción da saúde no traballo (PST) atendendo ao modelo de promoción da saúde definido pola Rede Europea de Promoción da Saúde no Traballo e plasmado na Declaración de Luxemburgo que define a PST como xuntar os esforzos do empresariado, as persoas traballadoras e a sociedade en xeral, para mellorar a saúde e o benestar laboral.
Esta guía salienta os beneficios de implementar os programas de PST e as consecuencias de non facelo. Tamén inclúe aspectos relacionados co benestar profesional, físico, mental e emocional, familiar e social e financeiro, contén exemplos de accións que resultaron ser eficaces nas empresas no ámbito da seguridade e saúde no traballo e consellos para a xestión do estrés, pautas para promover alimentación saudable nunha peme ou accións para fomentar práctica de exercicio físico regular.
O ISSGA forma parte do Comité Técnico de Verificación da REES desde hai 12 anos avaliando os programas e accións das empresa cara ao Recoñecemento de “Boas Prácticas en Promoción da Saúde” e o Recoñecemento de “Empresa Saudable e Sustentable en Promoción da Saúde no Traballo”.
Como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, o ISSGA debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva a través da participación institucional en xornadas e outras actividades relacionadas coa prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde laboral, tanto de ámbito autonómico como nacional ou internacional.