Novas

Venres, Novembro 23, 2018

Participamos na 12 xornada de prevención do grupo Finsa en Santiago

Participamos na 12 xornada de prevención do grupo Finsa en Santiago

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2018. A Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 destaca a silvicultura e a explotación forestal coma unha das actividades que teñen maior risco, e inclúe como medida a desenvolver a de sensibilizar sobre prevención de riscos laborais ao empresariado e ás persoas traballadoras do sector primario, atendendo ás súas características particulares, en especial ás actividades pesqueira, agrogandeira e forestal.

A actividade da silvicultura e a explotación forestal ten unhas características que condicionan os traballos e as medidas preventivas que se deben desenvolver (traballo á intemperie, lugares difíciles de acceder e transitar, tarefas de especial risco, emprego de equipos coma as motoserras ou as procesadoras, manipulacións de cargas, etc.).

No ano 2016 no seo do Issga creouse un grupo de traballo técnico específico para o sector forestal, con persoal de empresas representativas do sector, entre elas Finsa, Fearmaga (Federación Empresarial de Aserradores y Rematantes de Maderas de Galicia) e Ence para aunar esforzos e mellorar as condicións de seguridade e saúde do persoal traballador. Este grupo ten un carácter plural na súa composición, no sentido de que participa a administración e empresas do sector e búscase a sinerxia de ambas partes.

Tendo en conta o material informativo ou divulgativo xa existente, se centra en desenvolver propostas de traballo ante problemas concretos, incidir en riscos, elaboración de documentos útiles e claros, ter en conta os idiomas do persoal ao que vai dirixida a documentación (galego, castelán e rumano), difusión para chegar aos destinatarios últimos dos documentos, presentación en xornadas, etc.

Nesta xornada participaron Raquel Blanco Silva, xefa do servizo Técnico e de Planificación, e Gema Bertoa Veiga e Esther Varela Cerdeira, técnicas de prevención de riscos laborais do Issga, que expuxeron unha presentación sobre a seguridade no ámbito forestal, mostrando o percorrido e os resultados acadados polo grupo de traballo.

Dende o Issga tratamos de buscar aqueles foros que nos leven por camiños comúns, e que xuntos cheguemos á mesma meta, que aquí é mellorar as condicións de traballo do persoal que se dedica ao traballo no monte, diminuíndo a sinistralidade no sector e seguindo avanzado pola prevención.