Mércores, Maio 11, 2011
Participación institucional do ISSGA en eventos relacionados coa prevención
O ISSGA estivo presente en Laboralia (Valencia) e Previsel (Ourense).
Do 14 ao 17 de maio difundirá as súas actividades na Feira de Mostras de Ourense, Feira dos Autónomos de Galicia, FEMAGA 2011.
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral - ISSGA participou na sexta edición de Laboralia, Feria Integral de la Prevención, Protección, Seguridad y Salud Laboral, que se celebrou do 03 ao 05 de maio, no recinto Feria Valencia e no que participaron un total de 155 expositores e se realizaron máis de 30 actividades paralelas, entre congresos, encontros técnicos e demostracións.
No stand dispúxose de material e informouse sobre as distintas campañas formativas, divulgativas e de sensibilización desenvolvidas polo ISSGA así como das publicacións editadas, entre as que destacan as Follas de prevención e diversas guías técnicas sobre o sector eléctrico, naval ou da baixura.
Ademais, no espazo reservado ao ISSGA tamén estiveron presentes outras organismos e empresas galegas, como o Xacobeo, o servizo de prevención mancomunado Mar Seguro de Galicia ou a Asociación de Comerciantes e Hostaleiros de Santiago de Vigo.
Expertos de máximo prestixio que participaron nas diversas xornadas técnicas coinciden na mensaxe común que se sen dúbida a prevención de riscos laborais é unha ferramenta clave da competitividade empresarial.
O 03 e 04 de maio tamén tivo lugar en Expourense, Previsel – Salón da prevención e seguridade laboral, no que o ISSGA formou parte do comité asesor e participou nas seguintes actividades:
- Xornada teórico – práctica: boas e malas prácticas na prevención de riscos laborais. Beneficios e consecuencias. Incidencia na responsabilidade social corporativa.
- Introducción á prevención. Conferencias dirixidas a talleres de emprego e alumnos de formación profesional.
- Xornada de prevención e Lei 25/2009 no ámbito dos colexios profesionais.
- Xornada técnica de prevención de riscos no voluntariado social.
En Previsel déronse cita Administración, patronal e sindicatos para continuar a xuntar esforzos no fomento da cultura preventiva e hábitos saudables, eixos nos que sempre é preciso seguir traballando.
Feira de Mostras de Ourense, Feira dos Autónomos de Galicia, FEMAGA 2011
No recinto feiral de Expoourense terá lugar do 14 ao 17 de maio a Feira de Mostras de Ourense, Feira dos Autónomos de Galicia, FEMAGA 2011
FEMAGA é un escaparate de produtos e servizos, punto de encontro entre profesionais de diferentes sectores e aberto ao público en xeral, que permite aos seus expositores informar das súas actividades aos miles de visitantes que asistirán a esta feira, que o ano pasado superaron os 80.000.
O ISSGA estará presente cun stand durante os catro días que dura esta feira informando das súas actuacións como unha acción máis para sensibilizar e concienciar a toda a sociedade galega da importancia da prevención dos riscos laborais.