Novas

Xoves, Novembro 17, 2011

Participación do ISSGA no Congreso de Medicina e Seguridade no Traballo

A Sociedade Española de Medicina e Seguridade do Traballo (SEMST) celebrará en Bilbao o 17 e 18 de novembro o seu próximo encontro nacional, que será organizado pola Sociedade Vasca de Medicina do Traballo (LMEE-SVMT).

A sede deste evento será o Pazo Euskalduna Jauregia de Bilbao, que ofrece un magnífico marco para o desenvolvemento das sesións e dispón dun espazo amplo e adecuado para realizar a exposición comercial e expoñer as novidades nas mellores condicións.

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral estará presente neste acto coa intervención Nieves Lorenzo Espeso, xefe do Equipo Técnico de Medicina Laboral do Centro do ISSGA na Coruña.

Neves Lorenzo forma parte dunha mesa redonda técnica-médica sobre a guía de vixilancia da saúde no sector pesqueiro, presentada hai uns días e que foi realizada por un grupo multidisciplinar de técnicos de prevención e de médicos do traballo dos institutos de seguridade e saúde laboral de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi. Trátase da primeira fase que corresponde ás flotas de baixura e artesanal dunha guía específica de vixilancia da saúde para cada tipo de actividade dentro do propio sector (pesca de baixura e artesanal, marisqueo a pé, grande altura e actividades auxiliares). Ten como obxectivo ofrecer unha correcta orientación e instrumentos para implantar de xeito específico e individual a vixilancia da saúde dos traballadores do sector pesqueiro, así como contar con instrumentos para a detección de enfermidades profesionais relacionadas co traballo no sector e para facilitar a avaliación dos riscos, así como para subliñar a necesidade de establecer os mecanismos que faciliten a coordinación entre os diversos axentes involucrados na vixilancia da saúde dos traballadores do sector pesqueiro.