Mércores, Maio 23, 2012
Participación do ISSGA no 10º Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais - Bilbao
O ISSGA participa no 10º Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais (ORP 2012) que se celebra os días 23, 24 e 25 de Maio de 2012 en Bilbao, organizado polo Instituto Vasco de Seguridade e Saúde Laborais (OSALAN).
O obxectivo que se persegue é velar pola mellora permanente da seguridade e saúde laborais, conscientes de que esta mellora, que se canaliza a través da prevención no traballo, non pode seguir unha orientación diferente do resto de obxectivos empresariais.
É imprescindible xuntar esforzos, compartir puntos de vista e buscar solucións globais, analizando os problemas de saúde e seguridade laboral nun abano con moitas variables, que nos leve a encontrar mellores solucións, máis duradeiras e eficaces, e a eliminar os pequenos inconvenientes que, en ocasións, se puidesen derivar da implantación das medidas de prevención de riscos noutros ámbitos de responsabilidade dentro da empresa.
A idea de prevención non debe quedar circunscrita aos técnicos na materia senón que debe considerarse como unha tarefa colectiva que debe ser asumida por todos.
O ISSGA está presente cun posto modular no que se informa sobre as distintas campañas formativas, divulgativas e de sensibilización desenvolvidas polo Instituto así como das publicacións editadas. Ademais preséntanse dous traballos elaborados polos seus técnicos que se expoñerán durante o congresos:
- Avaliación dos plans de loita contra a sinestralidade 2008-2010 en Galicia.
Neste caso actuouse sobre unha serie de empresas que cumprían os requisitos de ter máis de 3 accidentes ao ano e superar en máis do 50% os índices de sinestralidade dos seus sectores de referencia. A avaliación fíxose tendo en conta que é unha das actividades que ocupa unha importante carga de traballo técnico, de cara a comprobar a súa efectividade e rendibilidade. Para isto era necesario ter un horizonte temporal suficiente, que permita analizar tendencias e a evolución da sinestralidade das empresas incluídas, máis que os resultados puntuais e inmediatos, polo que un horizonte temporal de 3 anos parecía suficiente. Abórdase nesta avaliación o comportamento destas 835 empresas analizadas, tanto en canto aos índices de sinestralidade, coma ao emprego, comparándoas cos seus sectores de referencia e co total de Galicia, estudando a súa representatividade en cada momento. As conclusións constatan o positivas que son este tipo de actuacións de cara a reducir a sinestralidade.
- Análise da saúde dos traballadores da sector da lousa na provincia de Lugo.
O obxectivo é reflectir graficamente as patoloxías máis relevantes dos traballadores do sector. A análise baséase no estudo epidemiolóxico realizado no sector da lousa na provincia de Lugo entre outubro do 2010 e febreiro do 2011. Na provincia de Lugo encóntrase o segundo núcleo produtor de lousa de Galicia. Na actividade da extracción e transformación da lousa existen diversos factores de risco para a saúde dos traballadores, entre os que destacan a exposición a po de sílice, o ruído e os asociados á carga física derivada de posturas forzadas, de movementos repetitivos e de manipulación manual de cargas. O estudo fíxose sobre unha mostra de 169 traballadores das seis empresas máis representativas da provincia, que respondían ao criterio de dez ou máis anos de antigüidade en empresas do sector. Estableceuse un protocolo específico para o recoñecemento médico, do que se tomaron os datos para a obtención das conclusións.