Novas

Venres, Decembro 19, 2014

Participación do Issga nas XXI Xornadas da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais

Estas xornadas teñen lugar na Facultade de Ciencias de Lugo o día 19 de decembro e, dentro de ditas xornadas, celébrase a Xunta Xeral Ordinaria da SGPRL.

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) colabora un ano máis nesta actividade formativa na que participa tanto na sesión inaugural coa intervención do xefe do Centro Issga de Lugo, Manuel Gasalla, como na conferencia inaugural das xornadas, na que Lucía Ferrón Vidán, xefa da Sección de Hixiene Industrial do Issga, presenta a Guía de boas prácticas en prevención de riscos laborais. Manual de seguridade no laboratorio.

 
O Issga vén de elaborar un manual de boas prácticas de prevención de riscos laborais e de seguridade nos traballos en laboratorios, unha guía técnica que proporciona información básica para desenvolver o traballo de laboratorio en condicións seguras en consonancia co que marca a lexislación vixente en materia de prevención de riscos laborais. Ademais de abordar os principais perigos e riscos, a guía inclúe normas de conduta e protocolos de actuación en caso de accidente. No documento considéranse fundamentais os riscos producidos nun laboratorio onde exista unha exposición a axentes químicos.
 
A guía vai dirixida a todos os laboratorios de investigación, docencia, análise, de control de calidade ou síntese de produtos, entre outros, tanto no ámbito público como no privado. Neste último eido, o empresario, como responsable da seguridade e da saúde dos seus traballadores, deberá designar unha persoas encargada (normalmente o director/responsable do laboratorio) de engadir a información específica para cada laboratorio.
 
A elaboración deste documento forma parte do eixo de formación, difusión e sensibilización do Plan de Actividades do ISSGA para o ano 2014.