Mércores, Xuño 03, 2026
Participación do Issga na reunión do Consello Galego de Seguridade Industrial para avanzar na coordinación e prevención dos riscos asociados á actividade industrial
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participou hoxe na reunión do Consello Galego de Seguridade Industrial, convocada pola Consellería de Economía e Industria e celebrada na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela.
Durante a sesión abordáronse diferentes cuestións relacionadas coa planificación e mellora da seguridade industrial na Comunidade Autónoma, entre elas o estudo do proxecto de Orde polo que se aproba o Plan de inspección en materia de seguridade industrial para o ano 2026, así como o procedemento de regularización administrativa de instalacións sometidas a regulamentos de seguridade industrial.
A representación do Issga neste órgano técnico realizouse a través de Lourdes González Vázquez, xefa da Sección de Seguridade no Traballo do Issga_Pontevedra quen forma parte ademais do grupo de traballo SEVESO, que ten como obxectivo a prevención de accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas e a limitación das súas consecuencias sobre a saúde humana, os bens e o medio ambiente.
A participación do Issga neste foro enmárcase nas actuacións previstas no seu Plan de actuación 2026, concretamente no eixo dedicado ao sector industrial, que recolle medidas de asesoramento, información, sensibilización e colaboración técnica orientadas á redución da sinistralidade laboral.