Sábado, Xaneiro 01, 2011
Os sinistros laborais reducíronse case un 10% na Comunidade Galega en novembro, mes no que se rexistraron 3.194 accidentes
- A maioría dos accidentes foron de carácter leve, mentres que houbo 52 graves e catro mortais
- O descenso foi xeneralizado en todos os sectores, agás no da agricultura, e provincias
- Os accidentes diminuíron un 7,45% en Galicia entre xaneiro e novembro, período no que se contabilizaron 34.172 sinistros laborais
Os sinistros laborais reducíronse case un 10 por cento (9,8 por cento) na comunidade galega en novembro. No penúltimo mes do ano rexistráronse en Galicia 3.194 accidentes con baixa durante a xornada de traballo, fronte aos 3.541 contabilizados no mesmo período de 2009.
Na súa maioría, un total de 3.138, os sinistros producidos foron de carácter leve; mentres que houbo outros 52 casos graves e catro mortais. O descenso foi xeneralizado en todos os sectores, agás no da agricultura, no que se detectou un incremento do 4,55 por cento no número de accidentes.
O maior descenso produciuse no eido da construción, cunha caída do 24,09 por cento; seguido do da industria, cunha diminución do 6,5 por cento; e do da pesca, cunha caída do 0,93 por cento.
Por provincias, a sinistralidade laboral retrocedeu nas catro galegas, entre as que Ourense situouse á cabeza, cun recorte do 25,94 por cento. A continuación posicionáronse Lugo, cun 18,29 por cento menos; A Coruña, cun 10,45 por cento menos; e Pontevedra, cun 2,83 menos.
Os accidentes caeron un 7,4% entre xaneiro e novembro
O total de accidentes laborais rexistrados na comunidade galega experimentou un retroceso do 7,45 por cento entre xaneiro e novembro deste ano respecto ao mesmo período de 2009, ao terse contabilizado 34.172 sinistros que causaron baixa na xornada de traballo fronte aos 36.921 do exercicio anterior.
O índice de incidencia diminuíu un 6,5%
No que se refire ao índice de incidencia (resulta da comparación entre os datos de sinistros e o número de traballadores coas continxencias de accidente cubertas), este diminuíu un 6,53 por cento en novembro.
O sector da construción foi o que presentou o comportamento máis favorable, cun descenso deste índice do 15,25 por cento. Detrás del situáronse o eido dos servizos, cun recorte do 4,41 por cento, e da industria, cunha caída do 2,57 por cento. Pola contra, o índice correspondente ao sector agrario experimentou un aumento do 12,68 por cento e o da pesca creceu un 1,47 por cento.