Novas

Venres, Decembro 17, 2010

Os profesionais do sector agrario galego contan cun novo material de referencia en prevención de riscos elaborado por un equipo da USC

Este xoves 16 de decembro a Escola Politécnica Superior acolleu a presentación das fichas técnicas de prevención do sector agrario galego, elaboradas por un grupo de docentes dese centro do Campus de Lugo. Trátase de dúas coleccións de fichas que resumen os principais aspectos en materia de prevención de riscos laborais no sector agrario e que abarcan as áreas gandeira, agrícola e forestal. Unha delas está orientada á maquinaria e outra ás tarefas agrarias. A primeira recolle máis de 80 máquinas e asegunda arredor de 50 tarefas representativas do sector agrario galego.

O obxectivo deste material divulgativo é o de estar á disposición de calquera profesional que desexe recorrer a el. Pretende ser de utilidade tanto para agricultores á hora de desenvolver o seu traballo como para técnicos á hora de impartir cursos relacionados con calquera destas ramas agrarias. Nestas fichas, elaboradas cunha vocación práctica, segundo explican dende o equipo de docentes, realízase unha identificación de riscos ao tempo que se propoñen medidas. Componse, en definitiva, un material de axuda cun deseño baseado na utilidade que cumpre ao tempo un labor formativo, informativo e de concienciación en material de prevención na actividade agraria.

No deseño das fichas desenvolvéronse, ademais, unha serie de bloques temáticos en función da codificación, imaxe, características técnicas ou descrición da tarefa en cada caso, descrición do funcionamento ou procedemento axeitado, riscos, medidas preventivas e medidas de protección colectiva e individual.