Novas

Luns, Xuño 02, 2014

Os accidentes laborais diminuíron en Galicia nun 0,16% de xaneiro a abril deste ano

Os accidentes laborais diminuíron en Galicia nun 0,16% de xaneiro a abril deste ano

Santiago, 2 de xuño de 2014.- A sinistralidade laboral diminuíu un 0,16% no primeiro cuadrimestre do ano, cun total de 7.472 sinistros fronte aos 7.484 rexistrados no mesmo período do ano 2013.

Por provincias, os accidentes laborais reducíronse en Ourense nun 0,38% e nun 5,36% en Pontevedra, mentres que aumentaron na Coruña nunha porcentaxe do 3,35% e nun 1,60% en Lugo.

Con respecto ao mes pasado, o total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en abril de 2014 diminuíu un 8,31%. Neste mes rexistráronse 1.853 sinistros fronte aos 2.021 rexistrados no mesmo mes do ano anterior. Do total dos accidentes, 1.813 foron accidentes leves, 34 graves e 6 mortais.

Diminuíron os accidentes en todos os sectores: na agricultura nun 13,59%; na industria nun 13,07%; nos servizos nun 6,29%; na pesca nun 5,17%; e na construción nun 4,78%.

Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.

O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, diminuíu un 7,90% en abril deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Por sectores, a maior diminución foi na agricultura co 11,12%; na industria nun 10,49%; nos servizos nun 6,81%; na pesca foi do 3,63%; e na construción do 1,79%.