Martes, Novembro 02, 2010
Os accidentes laborais aumentaron en setembro un 3,7%, mentres que os graves caeron un 24,1% neste período
A sinistralidade laboral reduciuse na construción, aínda que se incrementou no resto dos sectores.
Os accidentes descenderon un 4,5% nos primeiros nove meses do ano en relación ao mesmo período de 2009.
Os accidentes laborais que causaron baixa na xornada de traballo aumentaron en Galicia un 3,7 por cento no mes de setembro, mentres que os graves descenderon un 24,1 por cento, ata sumar 44.
Así, o total de accidentes laborais contabilizado no noveno mes deste ano con respecto ao mesmo mes do ano anterior na comunidade galega ascendeu a 3.418 fronte aos 3.295 rexistrados no mesmo período de 2009. O 98,4 por cento dos sinistros producidos no entorno de traballo en setembro foron de carácter leve (un total de 3.364); o 1,28 por cento graves (44) e o 0,29% mortais (10).
A evolución da sinistralidade laboral foi favorable no sector da construción, ao reducirse un 2,07 por cento o número de accidentes, mentres que o resto de ámbitos de produción experimentaron un incremento que liderou o eido da pesca (+14,91%). A continuación situáronse o sector servizos (+7,59%); agricultura (+2,41%) e industria (1,9%).
Por provincias, o mellor comportamento localizouse en Ourense, cunha baixada do 8,47 por cento dos accidentes laborais; e na Coruña, cun descenso do 5,7 por cento. Pola contra, o total de sinistros no ámbito de traballo creceu un 6,12 por cento en Lugo e un 22,39 por cento en Pontevedra.
Por outra banda, o índice de incidencia (comparación entre os datos de sinistros rexistrados e o número de traballadores coas continxencias derivadas do accidente cubertas) da sinistralidade elevouse un 6,05 por cento en setembro.
Diminución acumulada do 4,50% de xaneiro a setembro.
A sinistralidade laboral diminuíu un 4,5 por cento nos primeiros nove meses deste ano, ata os 28.144 fronte os 29.470 contabilizados en 2009.