Novas

Venres, Maio 26, 2017

Organizamos unha xornada técnica sobre as vantaxes dos drons para aumentar a seguridade e saúde no traballo

Redondela, 26 de maio. Onte organizamos en Redondela a xornada técnica "Innovación en prevención de riscos laborais. Drons e a súa aplicación en materia de seguridade e saúde laboral" na que se abordaron, entre outros aspectos, as vantaxes dos avións non tripulados para a prevención de riscos laborais.

A iniciativa, que tivo lugar no centro do ISSGA de Pontevedra, emprazado en Rande, tivo por obxecto poñer de manifesto a importancia das novas tecnoloxías, en particular, os drons, para incrementar a seguridade e saúde no traballo expoñendo os usos e beneficios que estes achegan á prevención de riscos.

Abordáronse, entre outros aspectos, a descrición e clasificación dos drons, a normativa actual aplicable e explicouse como ao longo dos últimos anos incorporouse a súa utilización a diferentes tarefas como socorrismo e primeiros auxilios, inspeccións de seguridade, mantemento preventivo de liñas eléctricas ou na supervisión de grandes obras e canteiras.

Na xornada, participaron como poñentes expertos pertencentes a empresas e organismos para expoñer os beneficios da aplicación dos drons nas súas compañías como é o caso da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) que utiliza estas novas tecnoloxías para servizos de emerxencias e primeiros auxilios; Gas natural Fenosa para supervisar liñas eléctricas; e Cycasa para a inspección das obras de infraestrutura pública e explotacións a ceo aberto.

Así mesmo, na iniciativa contouse coa visión do Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (Cinae) na súa aposta de futuro dos avións non tripulados no ámbito da prevención de riscos laborais.

Na xornada, ademais, os participantes tiveron a oportunidade de ver diversos  modelos de drons utilizados pola Axega, que desprazou ata as instalacións unha unidade móbil de drons.