Novas

Xoves, Abril 25, 2013

O plan de actividades do ISSGA para a seguridade e saúde laboral inclúe 66 actuacións que abarcan a totalidade de disciplinas da área

O plan de actividades do ISSGA para a seguridade e saúde laboral inclúe 66 actuacións que abarcan a totalidade de disciplinas da área
  • A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, impartiu un relatorio sobre este plan nas XIV Xornadas Galegas sobre Condicións de Traballo e Saúde
  • O documento foi aprobado por unanimidade por sindicatos, empresarios e o Goberno autonómico e está destinado a todo o tecido empresarial galego, especialmente a pemes e autónomos
  • Conta con seis eixos e inclúe iniciativas novidosas como a Unidade docente para formación de especialistas en medicina do traballo; estudios epidemiolóxicos en veterinarios, redeiras e percebeiros a pé; ou a prevención de drogodependencias no ámbito laboral

Ferrol (A Coruña).- O Plan de actividades do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) inclúe un total de 66 actuacións que inciden na totalidade das disciplinas preventivas. Este documento foi aprobado por unanimidade por sindicatos, empresarios e o Goberno autonómico.

Así o salientou onte a directora deste organismo, Adela Quinzá-Torroja, que impartiu hoxe un relatorio sobre este asunto nas XIV Xornadas galegas sobre condicións de traballo e saúde.

O Plan está incluído dentro da Estratexia en Prevención de Riscos Laborais 2011-2014, que foi acordada no seo do diálogo social. As actuacións previstas para 2013 teñen un dobre obxectivo: abarcar a totalidade das disciplinas preventivas (seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía e medicina no traballo...); e, doutra, ter como destinatarios a todo o tecido empresarial galego, de xeito moi especial ás pemes e a promoción de autónomos.

As 66 actuacións están articuladas en seis eixos: xestión de procesos para o desenvolvemento de actuacións de carácter interno; observatorio galego de condicións de traballo, que obtén, procesa e difunde información así como publica os datos estatísticos e o coñecemento xerado; xestión da sinistralidade; accións de colaboración e asesoramento técnico; programas de redución, e formación, difusión e sensibilización.

En canto ás medidas novidosas destacan, entre outras, a unidade docente para formación de especialistas en medicina do traballo. Así, os centros do ISSGA da Coruña e Pontevedra terán a consideración de entidades colaboradoras dunha unidade docente en Galicia, para impartir o programa oficial da especialidade de Medicina do Traballo polo sistema de residencia.

Tamén destaca a realización de estudios epidemiolóxicos en veterinarios, redeiras e percebeiros a pé; ou traballos para a prevención de drogodependencias no ámbito laboral

Quinzá-Torroja precisou que o ISSGA desenvolverá ao longo do 2013 un estudo epidemiolóxico co sector dos veterinarios, no que poderán participar máis de 1.200 persoas. O obxectivo é coñecer o estado de saúde do colectivo, obter información dos factores de risco da súa actividade e propoñer medidas preventivas e de boas prácticas.

O estudo consta de recoñecementos médicos específicos e o posterior tratamento da información, para a identificación das principais patoloxías e os riscos laborais mais relevantes deste colectivo.

Cabe lembrar que en 2011 e 2012 xa se realizaron recoñecementos médicos para o desenvolvemento de estudos epidemiolóxicos nos colectivos de redeiras e percebeiros a pé. No 2013 elaboraranse os documentos de conclusións destas análises, nos que se identificarán as patoloxías máis relevantes en relación cos riscos laborais aos que están expostos estes traballadores, que son fundamentalmente de orixe ergonómico.