Luns, Febreiro 10, 2025
O persoal técnico do ISSGA imparte unha Xornada Técnica en Prevención de Riscos e Primeiros Auxilios no Obradoiro dual de emprego SERRA DO FARO IX en Chantada
Chantada a 10 de febreiro de 2025
O persoal técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) levou a cabo unha xornada técnica centrada na prevención de riscos laborais e primeiros auxilios no marco do Obradoiro dual de emprego SERRA DO FARO IX. Neste Obradoiro de emprego, promovido polo Concello de Chantada e o que están asociados os Concellos de Carballedo e Taboada, impártense as especialidades de Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Esta xornada técnica forma parte do Plan de actuación 2025 do ISSGA, que ten como obxectivo formar e sensibilizar a futuros traballadores sobre a importancia da seguridade na contorna laboral.
Os Obradoiros de emprego son programas formativos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dirixidos a persoas desempregadas, co fin de mellorar a súa empregabilidade a través de formación práctica e teórica. Os participantes reciben capacitación en diversos oficios e áreas profesionais, mentres contribúen á realización de proxectos que benefician á súa comunidade local.
No caso do Obradoiro dual de emprego SERRA DO FARO IX os asistentes están a ter a oportunidade de adquirir coñecementos e habilidades que lles permitirán acceder ao mercado laboral cunha formación especializada. Neste contexto, as xornadas sobre prevención de riscos laborais e primeiros auxilios resultan fundamentais para proporcionar ao futuro persoal traballador as ferramentas necesarias para desenvolverse con seguridade en calquera contorna profesional.
O persoal do ISSGA ofreceu unha capacitación moi práctica e dinámica, centrada en dous aspectos fundamentais para calquera profesional: a prevención de riscos e os primeiros auxilios. Ambas as áreas son cruciais, xa que garanten a seguridade dos traballadores e contribúen a reducir os accidentes laborais, mellorando así as condicións de traballo.
Un compromiso coa seguridade e o benestar dos traballadores
O Obradoiro dual de emprego SERRA DO FARO IX demostrou ser un espazo crave para a formación de persoas traballadoras competentes e conscientes da importancia da seguridade na súa contorna laboral. Con actividades como a xornada técnica organizada polo ISSGA, os participantes non só adquiren coñecementos valiosos sobre a prevención de riscos e a xestión de emerxencias, senón que tamén reforzan o seu compromiso co benestar propio e o dos seus compañeiros.
O ISSGA, no seu Plan de Actuación 2025, segue apostando pola sensibilización e información en PRL nos obradoiros de emprego que se presentan como un escenario idóneo para incorporar a prevención na formación para unha actividade específica. Este enfoque ten un impacto positivo no futuro laboral dos participantes, promovendo traballos máis seguros e saudables en Galicia.
Ao finalizar a xornada, os asistentes mostráronse altamente satisfeitos coa formación recibida e comprometidos en aplicar o aprendido para mellorar a súa seguridade persoal e a dos seus futuros compañeiros e compañeiras de traballo. Sen dúbida, actividades como esta contribúen a obter unha contorna laboral máis segura e persoal traballador preparado para afrontar calquera eventualidade.