Mércores, Febreiro 26, 2014
O órgano de participación en seguridade e saúde laboral da Coruña coñece o Plan do Issga para 2014 aprobado por unanimidade
- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe este texto distribuído en 6 eixos deseñados cun carácter integral nun dobre sentido: abarcar todas as disciplinas e ter como destinatario a todo o tecido empresarial galego
- Este exercicio pecha a programación da Estratexia en prevención de riscos laborais 2011-2014, que foi acordada no seo do diálogo social
- No Plan inclúense iniciativas novidosas como a elaboración dun estudo ergonómico no sector das conservas de peixe ou o impulso á redución dos riscos psicosociais no traballo
A Coruña, 25 de febreiro de 2014.- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe ao órgano de participación en seguridade e saúde laboral da Coruña o Plan de actividades do Instituto para 2014, que conta cun total de 65 actuacións e que foi aprobado por unanimidade polos sindicatos e a patronal na comisión de goberno deste organismo.
Este exercicio pecha así a programación da Estratexia en prevención de riscos laborais 2011-2014, un documento que foi acordado no seo do diálogo social. Quinzá-Torroja indicou que as actividades previstas para este ano teñen unha clara vocación integral nun dobre sentido: abarcar a totalidade das disciplinas preventivas (seguridade, hixiene, ergonomía e psicoloxía, e medicina no traballo) e chegar a todo o tecido empresarial galego.
O plan está elaborado en torno a seis eixos: procesos de mellora no desenvolvemento de actuacións de carácter interno; observatorio galego de condicións de traballo; investigación da sinistralidade; accións de colaboración e asesoramento técnico; programas sectoriais de redución da sinistralidade; e accións de formación, difusión e sensibilización.
No Plan de actividades inclúense dous tipos de actuacións: as anuais, que manteñen a continuidade con anos anteriores, ben polo seu carácter plurianual, ou ben por ser funcións esenciais do ISSGA; e as anuais, que definen novos proxectos para dar resposta ás necesidades e demandas detectadas nun momento determinado.
Neste último grupo de iniciativas de carácter anual, inclúense as actuacións novidosas que se contemplan para 2014, que son as seguintes: a publicación de fichas de investigación de accidentes laborais e de enfermidades profesionais; o desenvolvemento dunha avaliación de riscos tipo para buques de pesca de baixura; un estudo ergonómico no sector das conservas de peixe; a redución dos riscos psicosociais; a promoción da saúde no lugar de traballo; a elaboración de materiais didácticos de prevención para o sector primario e os autónomos; e o asesoramento no manexo de maquinaria agrícola.