Novas

Martes, Xuño 03, 2014

O Laboratorio de Hixiene Analítica do Issga mantén a acreditación de ENAC

  • A Comisión de Acreditación de ENAC acordou manterlle a acreditación nº 1037/LE1954 ao Laboratorio de Hixiene Analítica do Issga, para determinados ensaios no sector medioambiental.

Dentro dos obxectivos do Issga, tras pór en marcha o Servizo de determinacións analíticas, figuraba o de implantar no Laboratorio de Referencia de Hixiene Analítica un sistema de calidade que redundara na mellora do servizo ofertado. Dentro deste proceso de implantación contemplábase solicitarlle a ENAC a acreditación dun número inicial de ensaios no sector ambiental. Este proceso iniciado no ano 2012, culminou o 05.04.2013 na concesión da acreditación nº 1037/LE1954 pola que se lle recoñecía ao Laboratorio de Hixiene Analítica do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral a competencia técnica para a realización de ensaios no sector medioambiental.

A acreditación concedéuselle con referencia á norma UNE-EN ISO/IEC 17025: 2005, CGA-ENAC-LEC (Avaliación da conformidade. Requisitos xerais para a competencia dos laboratorios de ensaio e de calibración) e o seu alcance, que fai referencia aos ensaios para a determinación de partículas en filtros e á determinación de metais (Cadmio, Cromo e Níquel) en filtros, pódese consultar na páxina web de ENAC.

 

Dentro do proceso establecido por ENAC para o control e seguimento das acreditacións está a realización de auditorías periódicas. Cumprindo este programa de auditorías, a finais de novembro de 2013 o Laboratorio de Hixiene analítica do Issga recibiu a visita do grupo de auditores de ENAC para realizar a correspondente auditoría de seguimento. Tras estudar o informe desta auditoría,  e a documentación de resposta achegada polo laboratorio, o día 04.04.2014, a Comisión de Acreditación de ENAC acordou manterlle a acreditación nº 1037/LE1954 ao Laboratorio de Hixiene Analítica do Issga. Neste acordo estableceuse ademais que a próxima visita de seguimento terá lugar no mes de febreiro do ano 2015.