Martes, Setembro 19, 2017
O ISSGA volve participar no Plan Proxecta co programa Moitavista na Escola
O día 15 de setembro aprobouse a Resolución da Consellería de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria pola que se regula o Plan Proxecta e se establecen as bases para a participación dos centros docentes sostidos con fondos públicos dependentes desta consellería durante o curso escolar 2017/18.
Neste curso escolar ofrécense 45 programas educativos, que poden ser consultados na web de Proxecta.
O prazo de inscrición iniciouse o 16 de setembro e péchase o 16 de outubro do 2017.
O Issga volve participar este ano co Programa Moitavista na Escola, co que se pretende sensibilizar sobre a importancia da prevención de riscos asociados á contorna escolar e promoción de condutas seguras e saudables. O perfil do alumnado ao que se dirixe é o de 3ª a 6º de primaria, pensando nun alumnado potencial que poida visitar a Escola de Prevención ubicada este ano no Centro Issga da Coruña.
O programa inclúe dúas vertentes:
- a formación do alumnado na prevención de riscos para lograr a maior autonomía posible dentro da súa idade e a sensibilización ante os riscos
- a toma de medidas de protección da súa contorna
Pártese da base de que os nenos e as nenas de hoxe son os traballadores e traballadoras do futuro e que este momento é o máis doado para introducir a cultura preventiva a través da aprendizaxe de condutas positivas que quedarán asentadas na personalidade definitivamente.
A actuación do profesorado ten pois un dobre obxectivo para conseguir abrir un proceso de reflexión e unha acción decidida a prol da cultura preventiva:
- protexer a contorna escolar co obxecto de garantir as medidas de seguridade no centro
- fomentar a cultura preventiva como valor educativo co alumnado para fomentar a prevención de riscos
Os obxectivos xerais propostos son os seguintes:
- identificar e coñecer os elementos de risco habituais na escola e na casa
- distinguir as situacións de risco cotiás e entender a importancia de tomar precaucións para evitalas
- adoptar procedementos seguros antes estas situacións e elementos de risco