Luns, Agosto 02, 2010
O ISSGA suscribe un acordo marco coa Consellería do Mar e coas confrarías de pescadores para previr os riscos laborais de xeito específico no sector da baixura.
As conselleiras de Traballo e Benestar e de Mar presentaron o acordo marco adoptado coa Federación Galega de Confrarías e as federacións provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra.
Entre as actuacións que se porán en marcha destaca a realización de estudos epidemiolóxicos e recoñecementos médicos aos autónomos.
Faranse cursos de formación específicos para este colectivo da pesca e plans de prevención para quen voluntariamente solicite a colaboración dun servizo de prevención mancomunado.
O acordo tamén inclúe unha análise da sinistralidade no sector da baixura, un traballo que se empregará na formulación de propostas ao colectivo e ás administracións competentes.
O ISSGA vén de adoptar un acordo marco coa Federación Galega de Confrarías e as federacións provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra para poñer en marcha novas accións co obxectivo de promover a cultura de prevención de riscos laborais no sector da pesca de baixura de Galicia.
As conselleiras de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e de Mar, Rosa Quintana, presentaron en rolda de prensa os principais puntos do convenio de colaboración, que segundo resaltaron as dúas titulares dos respectivos departamentos autonómicos, supón “unha canle de colaboración entre a administración e as confrarías para concienciar e sensibilizar aos homes e mulleres do noso mar”.
O acordo, que forma parte do Plan de Actuación 2010 do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), ten como obxectivo último acadar a mellora das condicións laborais dos traballadores galegos neste sector específico, integrado na súa maioría por pequenas empresas e autónomos.
Así, entre as actuacións que se desenvolverán destacan a realización de cursos de formación específicos para a baixura; o análise da sinistralidade neste colectivo, que se empregará na formulación de propostas ao colectivo e ás administracións competentes; o desenvolvemento de estudos epidemiolóxicos e recoñecementos médicos aos autónomos; e, por último, a elaboración de plans de prevención para quen voluntariamente solicite a colaboración dun servizo de prevención mancomunado.
As novas accións a poñer en marcha complementaranse con outras actuacións que xa se están a desenvolver, como actividades de investigación para a elaboración de equipamentos de protección individual para o marisqueo a pé ou a creación dun grupo de traballo para o deseño de traxes co fin de mellorar a flotabilidade dos mariñeiros.
“Todas estas medidas forman parte do Plan de Acción do ISSGA para 2010 que está a incidir na prevención de riscos e no asesoramento e control de máis de 100.00 traballadores e 67.000 autónomos”, sinalou a conselleira.