Novas

Venres, Novembro 23, 2012

O ISSGA subliña a importancia de mancomunar servizos para mellorar a eficacia na prevención de riscos

• A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, clausurou onte en Vigo as VIII Xornadas de Dereito do Traballo e da Seguridade Social organizadas por ASIME

• Adela Quinzá-Torroja indicou que a apreciación técnica, o principio de prudencia, o seguimento constante nos centros de traballo, e a experiencia acumulada fan do Servizo de Prevención Mancomunado “un magnifico instrumento que, na medida do posible, debe reforzarse”

• Quinzá-Torroja apuntou que a seguridade e a saúde das traballadoras e traballadores galegos precisa da fusión de esforzos e do compromiso e responsabilidade de todos os axentes implicados.

• Os sinistros na actividade da siderometalurxia reducíronse nun 35% entre xaneiro e setembro de 2012, co respecto ao mesmo período do ano anterior.

A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, subliñou onte a importancia de mancomunar servizos para dar respostas a idénticas situacións, o que permite mellorar a eficiencia na prevención de riscos laborais.

Adela Quinzá-Torroja clausurou onte en Vigo as VIII Xornadas de Dereito do Traballo e da Seguridade Social organizadas por ASIME e referiuse á constitución do actual Servizo de Prevención Mancomunado (SPM) que “foi un salto cualitativo cara a implantación de técnicas preventivas e converteu a ASIME nun referente de seguridade e saúde laboral”.

A directora do ISSGA indicou que a apreciación técnica, o principio de prudencia, o seguimento constante nos centros de traballo, e a experiencia acumulada fan do SPM “un magnifico instrumento, que, na medida do posible, debe reforzarse” e engadiu que ASIME vai desenvolvendo a través dos técnicos do SPM mesas de mínimos en formación ou vixilancia da saúde “para que de xeito efectivo a prevención se integre no día a día nos centros de traballo, dando resposta as moitas peculiaridades do sector, como a necesaria coordinación de actividades”.

Quinzá-Torroja apuntou que a seguridade e a saúde das traballadoras e traballadores galegos precisa da fusión de esforzos e do compromiso e responsabilidade de todos os axentes implicados a través do incremento de colaboracións como as que xa están executando o ISSGA- ASIME como a colaboración do Servizo de Prevención de ASIME na elaboración do Mapa de Risco Químico que está realizando o ISSGA ou o apoio en distintas actividades do Plan de Actividades do ISSGA, como se fixo nestes tres últimos anos, que inclúen ao naval, e as actividades vinculadas, como ámbito de actuación prioritario.

Doutra banda, a directora do ISSGA indicou que os sinistros na actividade da siderometalurxia reducíronse nun 35% entre xaneiro e setembro de 2012, co respecto ao mesmo período do ano anterior. Unhas cifras positivas, si ben “aínda queda moito por facer”, segundo indicou a directora do ISSGA.