Mércores, Outubro 27, 2010
O ISSGA reúne en Rande a técnicos dos institutos de seguridade e saúde laboral de Galicia, Asturias, País Vasco, Cantabria e INSHT nun curso para o sector pesqueiro
Técnicos do ISSGA, do Instituto Vasco de Seguridade e Saúde Laboral – OSALAN, do Instituto Cántabro de Seguridade e Saúde no Traballo, do Instituto Asturiano de Prevención de Riscos Laborais e do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo – INSHT participan dende hoxe ata o día 29 de outubro no Centro ISSGA de Pontevedra en Rande nun curso de prevención de riscos no sector pesqueiro. O curso está estruturado en dúas xornadas teórico-prácticas e unha terceira sesión técnica de Prevención de Riscos Laborais na Pesca.
Esta iniciativa enmárcase nos acordos acadados o pasado 7 de outubro en Santiago entre os responsables de vixilancia da saúde dos institutos de seguridade e saúde laboral destas comunidades na III Xornada de colaboración en prevención de riscos laborais no sector pesqueiro, e na que tamén participou o Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo, INSHT.
O curso será inaugurado hoxe por Adela Quinzá-Torroja García, directora do ISSGA. Diego Castro Balboa , técnico do ISSGA, impartirá unha charla sobre “Lexislación marítima e de PRL na pesca” e José A. Rodríguez Arribe, xefe do Centro ISSGA de Rande, falará sobre “Tecnoloxía naval” e “Buques e Artes de Pesca”. A continuación, José A. Rodríguez Arribe e Luís Arranz Buján, técnico do ISSGA, realizarán unha presentación do "Plan Vixía" de prevención de riscos laborais para o sector pesqueiro.
Mañá o curso trasladarase ao Porto de Vigo. Diego Castro Balboa, ofrecerá un relatorio sobre “ Seguridade Marítima” e Adolfo J. García Campos, capitán de Pesca e da Mariña Mercante e técnico superior de PRL, sobre “Quen é quen nun buque de pesca (cargos, tarefas, responsabilidades, etc.)”. Os participantes realizarán unha visita técnica a un buque de pesca e pola tarde unha sesión práctica que consistirá na saída ao mar a bordo dun buque de formación pesqueira da Consellería do Mar.
O último día do curso realizarán unha visita na Lonxa de Peixe e Marisco no porto pesqueiro vigués para presenciar as poxas e despois desprazarse ata o Centro ISSGA de Pontevedra en Rande onde completarán o curso cunha xornada técnica de prevención de riscos laborais na pesca, aberta ao público en xeral. A xornada será presentada e moderada por José Antonio Rodríguez Arribe , xefe do Centro ISSGA de Rande. Ramón Sancho Piñeiro, de COAPRE-ARVI, falará de “Coordinación de actividades na reparación de buques de pesca”; Juan Vázquez Álvarez, de Mar Seguro Galicia, de “Os Equipos de traballo a bordo dos buques de pesca”; Juan Carlos Codesido Vilar, subdirector xeral de Ensino da Consellería do Mar, “A seguridade e saúde laboral na formación náutico pesqueira” e por último, Adela Quinzá-Torroja García, directora do ISSGA e José Antonio Rodríguez Arribe, xefe do Centro ISSGA en Rande” falarán do “Marco de colaboración dos Institutos de Seguridade e Saúde Laboral de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia. Unha alternativa conxunta para a prevención de riscos laborais na pesca”.