Novas

Xoves, Maio 21, 2026

O Issga reúne en Galicia a expertos de toda España para impulsar a prevención de riscos no sector forestal

persoal do  Subgrupo de Traballo  no monte

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2026

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) exerce durante os días 21 e 22 de maio de anfitrión no encontro do Subgrupo de Traballo “Boas prácticas en PRL en actividade forestal”, órgano dependente da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo do INSST.

Durante estas dúas xornadas, o Issga recibe en Galicia a persoal técnico de seguridade e saúde no traballo de diferentes comunidades autónomas (Navarra, Madrid, Andalucía, Castela e León), consolidando o papel da comunidade galega como referente na xestión e profesionalización dos traballos no monte.

Este encontro subliña a importancia vital da prevención de riscos laborais no sector forestal, un ámbito de especial complexidade debido á orografía, o uso de maquinaria pesada e a exposición a condicións meteorolóxicas adversas. Traballar na actualización constante das medidas preventivas é esencial para reducir a sinistralidade e garantir lugares de traballo seguros.

Así mesmo, exercer como sede deste subgrupo permite ao Issga fomentar e fortalecer unha rede de alianzas estratéxicas con outros órganos técnicos autonómicos e co propio Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST). Este intercambio de experiencias e coñecementos resulta clave para unificar criterios e deseñar políticas de seguridade máis eficaces a nivel nacional.

Programa de traballo (Villalba e Santiago de Compostela)
O encontro combina o traballo de campo e o labor técnico de despacho, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man a realidade da contorna forestal galego antes de abordar a redacción dos documentos de consenso.

O xoves, 21 de maio terá lugar a visita ao carreiro forestal de Vilalba para analizar sobre o terreo as condicións, riscos e medidas de seguridade aplicadas aos traballos coa motoserra.

O venres, 22 de maio terá lugar na sede do Issga en Santiago, a reunión do do Subgrupo de Traballo na que se tratarán diversos puntos, entre eles, a revisión do borrador da versión VII da guía de boas prácticas e a análise e posta en común dos últimos traballos e avances desenvolvidos polos membros do grupo.

Con este encontro, o Issga reafirma o seu compromiso coa cultura preventiva, promovendo que o desenvolvemento económico do sector forestal vaia sempre da man da protección da saúde das persoas traballadoras.