Novas

Luns, Febreiro 03, 2025

O Issga reforzará o seu labor de sensibilización en 2025 a través da realización de 26 campañas de prevención de riscos e 350 actuacións de asesoramento técnico

Plan Issga
  • O Consello da Xunta analizou hoxe o informe sobre o Plan de actuación 2025 do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), entidade dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

  • Deseñado no marco do diálogo social e de xeito transversal dentro da Xunta, incidirá nos sectores de máis sinistralidade, incluíndo como novidade actuacións na industria conserveira, a xestión de residuos e os talleres de reparación de vehículos

  • Esta folla de ruta tamén recolle os novos riscos emerxentes derivados da evolución demográfica, tecnolóxica e das novas formas de organización do traballo, con especial fincapé nos riscos psicosociais

  • Ademais, por medio da súa oferta formativa, prevé chegar a 4.000 persoas, dando resposta a novidades técnicas e normativas a través de xornadas técnicas e atendendo a aquelas actividades de sectores produtivos con alto risco

  • Estas actuacións enmárcanse na Estratexia de seguridade e saúde no traballo de Galicia Horizonte 2027, que está a desenvolver a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cun orzamento de preto de 56 M€

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2025. O Consello da Xunta analizou hoxe o informe sobre o Plan de actuación 2025 do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), un paquete de medidas que ten como principal obxectivo a redución da sinistralidade laboral a través da eficaz xestión preventiva nos lugares de traballo, atendendo tanto aos riscos novos e emerxentes como aos tradicionais, e acompañando tanto as empresas como a poboación traballadora. O plan abrangue 26 campañas de promoción da prevención e redución da sinistralidade e realizaranse programas específicos e de asesoramento técnico nos lugares de traballo cunha previsión de acadar as 350 actuacións.

Como principais novidades desta anualidade —elaborada en consenso cos interlocutores sociais e coa participación das diferentes consellerías con competencia na materia— poranse en marcha programas singulares de prevención de seguridade e saúde laboral en sectores como a industria conserveira, a xestión de residuos e os talleres de reparación de vehículos. Tamén está prevista a difusión de material técnico para un traballo seguro no eido pesqueiro e a realización de xornadas divulgativas para o marisqueo e as redeiras, xunto cos institutos de Asturias, Cantabria e o País Vasco. En paralelo, seguirase avanzando na prevención de riscos laborais noutras áreas de risco, como a agraria e a forestal.

A planificación prevé, así mesmo, actuacións de mellora da seguridade viaria laboral e no eido dos riscos psicosociais e na promoción da saúde no traballo, principalmente a través do Laboratorio de riscos psicosociais, incidindo en riscos emerxentes derivados da evolución demográfica, tecnolóxica e das novas formas de organización do traballo.

Tamén para este ano está prevista a elaboración da segunda fase do mapa de risco químico en colaboración coas asociacións dos sectores do metal, industria madeireira, reparación de  vehículos, xestión de residuos e construción. Habilitarase un portal temático sobre prevención de riscos laborais nos traballos con nanomateriais, con especial atención ao sector da construción e considerando os distintos axentes implicados na prevención, tanto empresariado como persoal traballador, persoal técnico e médico. Finalmente, están previstas campañas de apoio ás pemes para a integración da perspectiva de xénero e da idade.

Eixes e medidas de actuación
O obxectivo deste plan, que se financia cos 7,8 M€ de orzamento con que conta o Issga en 2025 —un 3% máis respecto ao ano anterior— pasa por reducir a sinistralidade laboral en Galicia, mellorar a xestión preventiva e avanzar no benestar laboral. Así, as medidas estrutúranse en seis eixes de traballo, orientados a consolidar o papel do Issga como órgano técnico de referencia en prevención de riscos e promoción da saúde no traballo, a reforzar o seu labor de investigación e colaboración, á posta en marcha de programas por riscos específicos e novos escenarios e tamén por colectivos e sectores, así como os dedicados á formación e ao benestar laboral.

Entre outras medidas concretas, o plan fomentará a participación do Issga en 50 grupos de traballo técnico de carácter autonómico e estatal, e están programadas 600 actuacións do persoal habilitado da entidade para o exercicio de actuacións comprobatorias das condicións de seguridade e saúde nas empresas e centros de traballo. En canto á oferta formativa, preténdese chegar a un mínimo de 4.000 persoas, dando resposta a novidades técnicas e normativas a través de xornadas técnicas e  atendendo a aquelas actividades de sectores produtivos con alto risco ou con especiais dificultades, mediante cursos nos distintos concellos, entre outras actuacións.

Estratexia de seguridade e saúde no traballo de Galicia
A planificación analizada hoxe no Consello da Xunta enmárcase na Estratexia de seguridade e saúde no traballo de Galicia: Horizonte 2027, que está a desenvolver a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, cun orzamento de preto de 56 millóns de euros. O obxectivo é priorizar e concretar as accións que se van desenvolver para acompañar o tecido empresarial e a poboación traballadora nunha mellora da xestión preventiva dos riscos laborais e sumalos á tendencia da promoción da saúde no traballo, incidindo en estilos de vida saudables, cunha visión de saúde integral tamén no ámbito laboral.