Novas

Venres, Novembro 14, 2025

O ISSGA reforza a seguridade no sector forestal cunha xornada formativa en Rianxo

imaxe formación forestal

Rianxo 14 de novembro de 2025 

A técnica do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), Gema Bértoa Veiga, foi a encargada de impartir a xornada informativa “Seguridade nos Traballos Forestais” en Leiro (Rianxo). A actividade, organizada pola Plataforma pola Defensa do Monte, reuniu  a  persoal traballador, empresariado do sector e profesionais da prevención de riscos laborais, nun encontro que puxo o foco na mellora das condicións de seguridade nun dos ámbitos produtivos máis complexos e con maior incidencia de sinistralidade coa finalidade de reforzar a seguridade nos traballos realizados no monte. 

Ao longo da xornada analizáronse aspectos claves para reducir os riscos asociados ás operacións forestais. Entre os contidos abordados destacaron a planificación, organización e coordinación dos traballos, os procedementos seguros de execución e a importancia de empregar correctamente os equipos de protección individual (EPI).

Tamén se expoñeron recomendacións preventivas para as operacións de maior risco nos aproveitamentos forestais, como o derrubamento e procesado de árbores, a utilización de maquinaria e o traballo en zonas con pendentes ou condicións adversas.

Durante a sesión presentouse o labor que o ISSGA desenvolve a través do seu Grupo Técnico do Sector Forestal, responsable da elaboración de ferramentas e materiais específicos para mellorar a seguridade no monte. Entre eles destacan:

  • Documento CAE para a coordinación de actividades empresariais.

  • A guía de Mantemento de maquinaria forestal.

  • A Alerta Vespa Velutina e actuacións preventivas asociadas.

  • Recomendacións ante árbores sentados ou apoiados.

  • O Documento de zonas perigosas.

  • Documento sobre os EPI no posto de traballo_Sector forestal.

Estes materiais completan unha liña de traballo que busca ofrecer ás persoas profesionais recursos claros, actualizados e de utilidade inmediata no desenvolvemento das súas tarefas.

A celebración desta xornada forma parte da aposta do ISSGA por reforzar a formación e a sensibilización sectorial, especialmente en ámbitos de alta exposición ao risco como o forestal. A iniciativa está aliñada coa Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral e co Plan de Actuación do ISSGA, documentos que establecen como prioridade impulsar accións dirixidas á redución da sinistralidade laboral e á mellora das condicións de traballo mediante o coñecemento, a capacitación práctica e a integración da cultura preventiva.

Con este encontro, o ISSGA avanza no seu propósito de ofrecer formación técnica especializada a profesionais que operan nun sector esencial para Galicia, caracterizado pola súa elevada demanda física, condicións cambiantes e risco inherente. A xornada en Rianxo permitiu compartir experiencia, coñecemento e materiais preventivos, contribuíndo a fortalecer a seguridade e a profesionalización nos traballos forestais