Novas

Xoves, Novembro 20, 2025

O ISSGA reforza o seu compromiso coa seguridade laboral na industria do metal coa participación nunha nova xornada técnica en Vigo

IMAXE CURSO 3M

Vigo, 20 de novembro de 2025

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) participou hoxe en Vigo na xornada técnica “Solucións de protección persoal para os riscos en traballos do sector do metal”, organizada por 3M. 

O encontro reuniu especialistas en prevención e responsables de seguridade de distintas empresas para analizar os principais riscos presentes na industria metalúrxica e para destacar a necesidade de empregar equipos de protección individual (EPI) que sexan ergonómicos, cómodos, compatibles e de fácil uso. 

Un sector estratéxico cun elevado compromiso preventivo

A participación do ISSGA nesta iniciativa inscríbese nunha estratexia máis ampla de apoio ao sector metalúrxico, reforzando o compromiso do organismo coa redución da sinistralidade e coa mellora das condicións laborais na industria galega, especialmente nas actividades consideradas de maior risco. A través das distintas liñas do seu Plan de Actuación, o ISSGA mantén unha presenza continuada neste ámbito mediante campañas de sensibilización, accións formativas, investigación de accidentes e asesoramento técnico directo ás empresas.

O papel esencial dos técnicos do ISSGA

Dentro do programa da xornada, Lourdes González Vázquez, técnica de seguridade do ISSGA, centrou a súa intervención na situación actual da industria do metal en Galicia, nos riscos máis frecuentes e nos accidentes laborais máis comúns asociados a este sector. Tamén abordou os traballos realizados en condicións de especial dificultade, como atmosferas explosivas ou espazos confinados, e a exposición a riscos que poden derivar en enfermidades profesionais, como o ruído ou os trastornos musculoesqueléticos. Durante a súa intervención, destacou a importancia de priorizar as medidas de protección colectiva fronte ao uso exclusivo de EPI, así como a relevancia dunha correcta coordinación de actividades e do papel do recurso preventivo para garantir que as medidas de prevención se apliquen de forma efectiva en todos os procesos produtivos.

A relatora destacou tamén o traballo continuo que o ISSGA desenvolve coa industria metalúrxica: visitas de asesoramento preventivo ás empresas, controis das condicións de traballo, investigación de accidentes e difusión de boas prácticas preventivas baseadas en análises reais. Estas actuacións permiten ao instituto combinar a análise técnica coa observación directa no lugar de traballo, converténdose nun referente na identificación de riscos e na proposta de solucións preventivas adaptadas á realidade produtiva galega.