Novas

Mércores, Decembro 10, 2025

O ISSGA reforza a formación preventiva en centros educativos cunha charla dirixida ao alumnado de ciclos do metal no IES Plurilingüe de Valga

imaxe sesión formativa en Valga

Valga, 10 de decembro de 2025

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) impartiu hoxe dúas sesións formativas no IES Plurilingüe de Valga, dirixidas ao alumnado dos ciclos medios de Soldadura e Caldeirería e de Mantemento Electromecánico de Maquinaria.

As charlas foron impartidas por Lourdes González Vázquez, xefa da Sección de Seguridade no Traballo do ISSGA en Pontevedra, quen abordou os principais riscos asociados ás tarefas desenvolvidas nestes ciclos así como accidentes que poden ocorrer ó realizar o traballo.

Ademais, destacouse a relevancia da coordinación de actividades empresariais, a figura do recurso preventivo, dos procedementos de traballo seguros, do uso adecuado das medidas de protección colectivas, subliñando a importancia do uso adecuado de equipos de protección individual (EPI) e da información e formación específica segundo a tarefa.

Esta iniciativa forma parte do compromiso do ISSGA coa formación preventiva e coa colaboración cos centros educativos que imparten ensinanzas vinculadas a actividades de maior risco, promovendo entre a mocidade unha cultura sólida de prevención de riscos laborais.