Mércores, Xuño 17, 2026
O Issga reforza a colaboración con ASOEMAR para impulsar a cultura preventiva no sector do mármore
Santiago, 17 de xuño de 2026
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) mantivo este 17 de xuño unha reunión con representantes de ASOEMAR, a Asociación de Empresarios Marmolistas da Coruña, co obxectivo de establecer vías de colaboración que permitan achegar a cultura da seguridade e saúde laboral ás empresas e ao persoal traballador deste sector.
Este encontro enmárcase no Plan de actuación 2026 do Issga e na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, que aposta por fortalecer as alianzas con entidades representativas dos distintos sectores produtivos de Galicia, favorecendo a difusión do coñecemento preventivo e a promoción de contornas de traballo máis seguras e saudables.
A seguridade e saúde no traballo constitúe un ámbito no que resulta fundamental o traballo conxunto e compartido entre os distintos axentes implicados. A creación de redes de colaboración e alianzas estratéxicas permite sumar esforzos, compartir coñecemento e desenvolver actuacións máis eficaces e próximas ás necesidades reais de cada colectivo.
Neste sentido, a Administración pública desempeña un papel clave na identificación e impulso dos aliados necesarios para complementar a súa actuación, facilitando que a información, os recursos e as iniciativas preventivas cheguen de forma efectiva aos sectores que representan. As asociacións empresariais constitúen un elo fundamental para trasladar esta cultura preventiva ás empresas e ás persoas traballadoras que integran a súa actividade.
Durante a reunión analizáronse posibles liñas de colaboración futura orientadas á divulgación de boas prácticas preventivas, á sensibilización sobre os riscos laborais específicos do sector do mármore e ao desenvolvemento de iniciativas que contribúan á mellora continua das condicións de seguridade e saúde laboral.
O Issga continúa así avanzando no seu compromiso de promover a prevención de riscos laborais a través da cooperación e do diálogo cos distintos actores económicos e sociais de Galicia.