Novas

Xoves, Marzo 05, 2026

O ISSGA reforza a colaboración co sector forestal para impulsar a prevención de riscos laborais

imaxe LugoMadera

Lugo, 5 de marzo de 2026

Este xoves, 5 de marzo, o centro do Issga en Lugo acolleu unha reunión de traballo con representantes da asociación LugoMadera, co obxectivo de explorar novas liñas de colaboración para o ano 2026 no ámbito da prevención de riscos laborais no sector forestal e da madeira.

Durante o encontro analizáronse posibles actuacións conxuntas orientadas a reforzar a integración efectiva da prevención nas actividades vinculadas ao sector, especialmente nos traballos de aproveitamento forestal, rematantes, transporte de madeira e aserradoiros, ámbitos que presentan riscos relevantes pola natureza das tarefas e o uso de maquinaria especializada.

A reunión permitiu intercambiar propostas e identificar ámbitos de actuación prioritarios, entre eles o impulso de accións formativas, a difusión de boas prácticas preventivas e o desenvolvemento de ferramentas que faciliten a aplicación da prevención no día a día das empresas e do persoal traballador.

Esta liña de colaboración encaixa coas actuacións previstas no Plan de actuación do ISSGA para 2026, que inclúe accións específicas dirixidas ao sector forestal e á industria da madeira. Entre elas figuran programas de asesoramento e sensibilización preventiva, a difusión de materiais técnicos e alertas sobre tarefas de especial risco, a elaboración de recursos prácticos para as empresas e a análise de accidentes de traballo para identificar causas e medidas preventivas aplicables.

O plan contempla tamén o desenvolvemento de campañas informativas sobre riscos frecuentes nas operacións forestais, a difusión de publicacións e ferramentas preventivas do ISSGA, así como a elaboración de documentos técnicos sobre aspectos clave como a coordinación de actividades empresariais no sector. Ademais, prevese analizar riscos emerxentes asociados a determinados traballos forestais e reforzar a formación periódica en prevención nos postos de traballo.

O sector forestal constitúe unha actividade estratéxica en Galicia e tamén un ámbito no que a prevención resulta esencial para reducir a sinistralidade laboral e mellorar as condicións de traballo. Neste sentido, a colaboración coas organizacións representativas do sector resulta clave para avanzar nunha cultura preventiva real, facilitando que as medidas de seguridade se integren de forma efectiva en todos os procesos produtivos.

Con este encontro, o ISSGA continúa reforzando o diálogo co tecido empresarial e profesional do sector forestal co obxectivo de impulsar iniciativas conxuntas que contribúan a reducir a sinistralidade laboral e mellorar a seguridade e saúde no traballo neste ámbito de actividade.