Novas

Martes, Setembro 16, 2025

O ISSGA reforza a colaboración co Consello de Seguridade Nuclear (CSN)

imaxe CSN

Madrid, 16 de setembro de 2025

A subdirectora xeral técnica e de planificación do Issga, María Encarnación Sousa Rodríguez, asistiu este 16 de setembro a unha reunión de traballo convocada polo CSN, único organismo competente en España en materia de protección radiolóxica, na que se abordaron os principais aspectos do novo marco normativo relativo á protección fronte ás radiacións ionizantes, que afecta en particular ás medidas de protección fronte ao radon, e se puxo en valor o establecemento de canles de colaboración e comunicación eficaces coas CC. AA.

O gas radon é especialmente abundante en Galicia debido á súa xeoloxía e as características do terreo, cun alto contido en granito, sendo a comunidade autónoma de España con maior  número de municipios con poboación en áreas de actuación prioritaria, definidas a partir do Mapa de radon desenvolto polo CNS. 

Non en balde, Galicia foi pioneira a nivel nacional elaborando e publicando no ano 2024 a súa propia “Estratexia para reducir a exposición ao radon en Galicia 2025-2030”, desenvolta pola  Consellería de Sanidade, cuxos obxectivos principais son reducir os niveis deste gas en ambientes interiores para cumprir co nivel de referencia e previr e controlar as consecuencias para a poboación galega da exposición ao radon.

O ISSGA colaborou na elaboración desta Estratexia coa proposta de diferentes accións deseñadas para alcanzar os obxectivos principais formulados pola mesma no ámbito laboral, fundamentalmente actuacións de orientación e asesoramento técnico a empresas e servizos de prevención, promoción da formación específica sobre o radon aos servizos de prevención de riscos laborais, así como campañas de sensibilización e información sobre este gas.

Doutra parte, a colaboración co CSN ven a reforzar a execución da “Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027” que sinala como medidas a levar a cabo dentro da liña de actuación Intensificar as actuacións de prevención na exposición a substancias e axentes perigosos:

Asesorar e sensibilizar ás empresas e servizos de prevención sobre as principais directrices recollidas na nova normativa laboral sobre o radon e sobre as responsabilidades e funcións desde o ámbito da prevención, con especial atención á medición dos niveis de concentración existentes. Todo isto de conformidade coas instrucións ditadas polo Consello de Seguridade Nuclear, órgano competente na materia, co que resulte do convenio coa ITSS segundo o establecido no Plan Nacional contra o Radon, así como a colaboración coas autoridades laboral e sanitaria.

Á súa vez responde á execución do Plan de actuación do Issga 2025 “Eixe 3: Programas por riscos específicos e novos escenarios”, Obxectivo operativo “3.1 Protección eficaz fronte a riscos específicos”, ficha “3.1.9. Radon no ámbito laboral”.