Novas

Luns, Maio 11, 2026

O ISSGA reforza as actuacións para garantir un traballo seguro na retirada de materiais con amianto en Galicia

amianto

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2026.

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) continúa reforzando as actuacións dirixidas a garantir a seguridade e saúde das persoas traballadoras nos traballos con risco de exposición ao amianto, nun contexto marcado polo incremento progresivo das actuacións de retirada destes materiais debido ao final da súa vida útil e ás directrices europeas cara a unha Europa libre de amianto.

O Consello da Xunta coñeceu hoxe o informe de actuacións do ISSGA para un traballo seguro na retirada de materiais con amianto, no que se recollen os principais datos e actuacións desenvolvidas entre os anos 2022 e 2025 en relación coa autorización, control e seguimento destes traballos en Galicia.

Durante este período aprobáronse en Galicia máis de 2.500 plans de traballo con risco por amianto e comunicáronse máis de 10.600 actuacións relacionadas coa retirada e xestión destes materiais. Ademais, máis de 1.700 persoas traballadoras participaron nestes traballos, executados maioritariamente por empresas galegas especializadas inscritas no Rexistro de Empresas con Risco por Amianto (RERA).

O informe destaca que a principal actividade desenvolvida continúa sendo a retirada de materiais con amianto, especialmente cubertas de fibrocemento, seguidas das actuacións relacionadas co transporte e xestión destes residuos perigosos. Así mesmo, constátase a consolidación en Galicia dun colectivo de empresas especializadas con experiencia na execución deste tipo de traballos.

O ISSGA realiza a tramitación e revisión técnica das autorizacións necesarias para estes traballos, presta asesoramento técnico ás empresas e servizos de prevención e desenvolve actuacións de comprobación e seguimento sobre o terreo para verificar o cumprimento das medidas preventivas establecidas nos plans de traballo aprobados.

Estas actuacións enmárcanse na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 e teñen un papel destacado no Plan de actuación do ISSGA 2026, que reforza este ano as medidas de control, asesoramento e sensibilización fronte aos riscos derivados da exposición ao amianto.

O organismo autonómico continúa ademais desenvolvendo accións informativas dirixidas ás empresas e aos colectivos profesionais que poden entrar en contacto con materiais con amianto durante traballos de mantemento, reparación ou rehabilitación, co obxectivo de evitar exposicións inadvertidas e promover unha maior cultura preventiva