Martes, Outubro 07, 2014
O ISSGA recorda ao sector pesqueiro a importancia da utilización axeitada do chaleco salvavidas
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) achegou hoxe ás confradías de pescadores, ás federacións provinciais e galega de confradías, así como ao servizo de prevención mancomunado Marseguro, o enlace á nova chalecos-salvan-vida-dos-marineros-muxia co seguinte texto: “Dende o ISSGA achegámoslle, para a súa máxima difusión, unha nova pola que todos/as nos alegramos e que evidencia o que dende este organismo repetimos insistentemente ás persoas traballadoras do mar en todos os foros de promoción da seguridade e demais actuacións técnicas no sector: a utilización axeitada do chaleco salvavidas”.
Precisamente sobre a importancia de utilizar de forma axeitada o chaleco salvavidas tratouse no II Curso do ISSGA para técnicos en prevención de riscos laborais para actuacións en buques de pesca, curso organizado por este organismo que se desenvolveu en Vigo os pasados días 1 e 2 de outubro.
Con estas actuacións de difusión e sensibilización o ISSGA pretende contribuír á tarefa colectiva da prevención de riscos laborais e concienciar á poboación traballadora, así como á sociedade en xeral, sobre a importancia desta, coa finalidade de impulsar unha auténtica cultura de prevención.