Xoves, Xuño 28, 2012
O ISSGA realiza un programa de loita contra a sinistralidade nun total de 360 empresas de Galicia
• A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, inaugurou hoxe en Santiago a xornada técnica sobre prevención de riscos laborais ‘A importancia da avaliación de riscos laborais’
• O Plan de Actividades do ISSGA recolle este ano esta iniciativa para levar a cabo un traballo de asesoramento, seguimento e control nas empresas que concentran un maior índice de accidentalidade na súa actividade económica
• O Instituto tamén está a levar a cabo un plan de avaliación dos accidentes por sobreesforzo dirixido a 80 firmas das que 44 xa se visitaron
Santiago, 28 de xuño de 2012.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) está a desenvolver un programa de loita contra a sinistralidade nun total de 360 empresas de Galicia, entre as que concentran un maior índice de accidentabilidade na súa actividade económica. Nos catro primeiros meses do ano visitáronse xa 94 firmas para levar a cabo un traballo de asesoramento, seguimento e control.
Así o destacou hoxe a directora do organismo dependente da Consellería de Traballo e Benestar, Adela Quinzá-Torroja, na inauguración da xornada técnica sobre prevención de riscos laborais ‘A importancia da avaliación de riscos laborais’, que se celebrou en Santiago.
Quinzá-Torroja indicou que unha das funcións principais do ISSGA é a de asesorar ao empresario sobre como realizar a avaliación de riscos, especialmente cando se trata de avaliacións de maior complexidade e, polo tanto, requiren unha maior cualificación técnica.
Desta forma, no Plan de Actividades do Instituto para este ano recóllense diversas actuacións que inciden sobre o control e o asesoramento da avaliación de riscos nas empresas. Ademais do plan de loita contra a sinistralidade, destacan a elaboración dunha guía sobre a avaliación dos factores ergonómicos no sector pesqueiro e un proxecto sobre riscos psicosociais na administración.
Así mesmo, Quinzá-Torroja apuntou que o ISSGA está a desenvolver un programa de loita contra os accidentes por sobreesforzo, un plan específico dirixido ás empresas cun alto índice neste tipo de accidentes. Esta iniciativa está dirixida a 80 empresas das que xa se cursaron 44 visitas no primeiro cuadrimestre deste ano.
Outros programas que resaltou a directora do Instituto foron o mapa de riscos ergonómicos de Galicia destinado a 100 empresas ou as actividades que se realizan para a prevención do risco por sílice na transformación da pedra natural e nos traballos con compactos de cuarzo. Nesta última actuación xa foron visitadas 37 firmas.
O ISSGA tamén leva a cabo un programa de protección das traballadoras embarazadas. Neste senso, Quinzá-Torroja explicou que se revisaron a avaliación dos riscos en 89 empresas co obxectivo de velar polo cumprimento da normativa en materia de protección da maternidade. Por último, destaca o mapa de risco químico que ten como finalidade obter datos sobre o uso de produtos químicos perigosos en 161 firmas.
Na xornada, na que se abordaron diferentes aspectos relacionados coa avaliación de riscos específicos, tamén participaron dúas técnicas do ISSGA con relatorios que versaron sobre a avaliación de riscos físicos e ergonómicos.